CAMELIAS MASCOTAS

Recordos de ultramar

Esta aventura comezou unha tarde de verán calquera, durante un paseo polo casco vello. Rubén e Dani, dous vigueses do sector da comunicación e a publicidade, falan sobre a súa inestabilidade profesional e imaxinan como sería emprender un proxecto en conxunto. O destino está da súa parte, poñendo perante eles un impoñente cruceiro que acaba de atracar, enchendo os arredores de turistas ansiosos por coñecer os segredos da cidade. Ante esta imaxe reveladora, os dous colegas caen na conta nese momento de que os obxectos que se vendían como recordo de Vigo, os típicos souvenirs para os turistas, estaban anticuados e que darlles un aire máis fresco era unha tarefa que ambos os dous poderían asumir. A idea queda no aire nun principio, pero despois de varios golpes de sorte e de moito traballo, por fin ven a luz os orixinais agasallos de Ultramarinos

Esta marca de produción local fai que embarquemos nun navío en mar aberto e achéganos á vida dos que se dedican ao sector pesqueiro e á industria conserveira galega. Ultramarinos é a solución perfecta para os compromisos propios das datas natalicias, para sobrevivir ao amigo invisible deste ano e para aliviar a morriña dos que, coma o turrón, volven á casa por Nadal, pero que teñen que marchar ao acabaren as festas. Baixo da marca que nos ocupa, créase un mar de marabillas: cuncas para o primeiro café do luns, imáns para adornar o frigorífico, abridores para cervexas fresquiñas, postais que poden voar de Galicia ao estranxeiro, láminas que recenden a praia e resoan a muiñeira… todas decoradas con motivos galegos, vigueses en particular, tan icónicos coma o Sereo ou a Dinosebe, co selo do folclore e a gastronomía de noso. Ademais, entre os seus tesouros afundidos, xa pensando no 2019, tráennos o seu primeiro calendario centrado en Vigo e a súa paisaxe urbana, acabado de pescar.

REVISTA NOVEMBRO

Foron estes motivos de abondo para lle botar unha navegar pola súa rede, ultramarinos.gal. Tamén se poden esculcar os seus tesouros en diferentes comercios: Matina (Abeleira Menéndez, 26), Pipa & Mima (Velázquez Moreno, 27), Vaidhe (Carral, 7), Woodtown (Camelias, 20) ou nun espazo tan ao xeito coma o Museo do Mar de Galicia (Avenida da Atlántida, 160). Este Nadal regala recordos para os que están aquí, os que son de aquí pero están alá ou para os que veñen de ultramar.

Por Estela Gómez

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Decembro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)