COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Anne Waldman, estrela de ultramar

A poeta neoiorquina Anne Waldman é a convidada de honra da XII edición do Festival Kerouac, que volve encher de poesía a cidade; o venres 21 e o sábado 22. A autora presenta Para ser estrella a medianoche, unha antoloxía bilingüe, en español e inglés, editada por Arrebato Libros. As poetas Emma Gomis e Olga Novo soben canda ela ao escenario do MARCO na segunda das devanditas xornadas (entradas aquí). Para poder acudir ao evento cos deberes feitos, tivemos unha pequena conversa con ela.

Sempre existiron desafíos profundos, pero nestes tempos de crise climática sen precedentes.

como ves o mundo hoxe?

Trato de estar conectada coa terra e quedarme co que coñezo. No meu caso, é estar en Nova York, nesta casa en particular, a miña casa desde a infancia. A miña nai viviu en Grecia durante unha década, vivindo unha vida bastante simple, tecendo e facendo a súa propia roupa. Marchou cando tiña 19 anos. Pensa que deixou os EE.UU. como moitas poetas que non podían ser elas mesmas ao vivir neste pais nese momento. Gertrude Stein, sendo lesbiana, tivo que afastarse, Hilda Doolittle, a famosa poeta modernista, tamén escapou. Un ten que falar sobre a súa propia experiencia, porque refire onde estás en cada momento. Por exemplo, sería diferente se estivésemos en Paquistán agora mesmo, co incrible sufrimento que está a padecer, ou mesmo retrocedendo ás inundacións en Nova Orleans hai algúns anos. Así que a verdade, a realidade e a experiencia relativas son cuestións que condicionan absolutamente a nosa perspectiva.

Fuches mestra da Jack Kerouac School of Disembodied Poetics, da Universidade Naropa, en Boulder (Colorado). Como se ensina a poesía?

Non creo que se poida ensinar; trátase de, simplemente, abrir mundos. É moi importante ler outros poetas, coñecer as diferentes tradicións e idiomas do mundo e, tamén, ter a visión de que a poesía é a forma de expresión lingüístico-cultural máis antiga.

Cre que a vida “na estrada” (on the road) da xeración beat foi en certo xeito unha especie de peregrinación?

Ás veces tratábase simplemente de ter que ir a algún lado para ver a alguén. O máis próximo que tiven iso foi facer autostop de camiño a México. Fora a Berkeley para xuntarme con outros poetas, por certo todos eles homes excepto Lenore Kandel, e logo algúns puidemos cruzar a fronteira a Mexico con carnés de identidade doutras persoas. Eu era Silla Johnson (risas). Recordo que me espertei pola mañá, estabamos en Ciudad de México e tomamos ácido neste hotel preto da estación de autobuses, e había un azul incriblemente vívido. As paredes brillaban con este azul fantástico, e logo, de súpeto, todo púxose a tremer. Non soubemos ata o día seguinte que viviramos un terremoto.

Aínda existe esta incrible conexión entre os poetas de Nova York e os da Cidade de México. Verdade?

Si, é como un soño feito realidade. Hai pouco volvín a algúns dos lugares nos que Burroughs estivera, o apartamento de Kerouac, e fixen un pequeno circuíto de todo aquilo.

E gústame invocar aos Fellaheen [O termino Fellaheen refírese a un campesiño ou traballador agrícola nun país árabe, como Siria ou Exipto. Aínda que a palabra ten orixes árabes, Jack Kerouac úsaa varias veces nas súas referencias a México], son clave para ter esta imaxe máis grande do noso universo e da nosa humanidade e as súas diferentes culturas. E todo iso foi ignorado ata que chegaron os beats.

Ves a poesía como unha forma de cura ou salvación?

Ler poesía axúdame. Faime sentir cos pés na terra. Sinto que quero seguir a vontade do artista a través da obra. Esas fantasías, soños e pesadelos que compoñen a experiencia humana veñen de moitos lugares interesantes. Podes sentir os soños de teu, pensar como poderías traballar con eles, meditar nas diferentes nocións do tempo.

Cres que a poesía pode transformar a sociedade ou é un pensamento utópico?

Gústame a idea de que a poesía sexa algo tan elemental como esas cousas que están aí desde o inicio dos tempos: podes saír e estar coa auga, coas montañas, co sol; sabes que esas cousas poden chegar a ser perigosas. Sinto que nacín con algún tipo de misión que ten que ver con axudar a crear, axudar a comunidade, traballar coa creación de espazos.

SONRIAS

Marcos de la Fuente e David García Casado