CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Reabre Vigosónico con nova xerencia e menor orzamento

Este martes 9 reabre as súas portas Vigosónico, o local de ensaio público para bandas emerxentes situado en Valadares. O complexo permanecía pechado desde finais de febreiro, despois de reanudar a súa actividade a mediados de 2022 tras dous anos en branco por mor da pandemia. A xerencia desta nova etapa recae en Juan Rivas, recoñecido músico e promotor musical.

“Un gran espazo adicado á música e estará destinado á mocidade viguesa en xeral pero sobre todo a mocidade que se relaciona dalgun xeito coa música: compoñendo, tocando, ensaiando, escoitando… Unha instalación moderna e equipada con salas de ensaio, cabinas de información, estudio de gravación…”. Así define o Concello de Vigo na súa web Vigosónico, que reabre as súas portas este martes 9 de maio tras máis de dous meses pechado. O novo horario será de martes a domingo, de 16:30 a 21:00.

A comezos de abril facíase público que a de Juan Rivas, coñecido músico e promotor vigués, era a proposta gañadora para xestionar Vigosónico os próximos tres anos por un total de 255.000€ (uns 85.000 por exercicio). Rivas sobrepúxose a outras tres candidadutras, dúas das cales foron excluidas por non axustarse aos requisitos de presentación e outra por no alcanzar a puntuación mínima nun dos apartados. Desde este medio tratamos de contactar tanto co Concello como con Rivas: o primeiro derivounos ao contrato de adxudicación e o segundo indicou que polo momento a Concellería de Xuventude e a Alcaldía deberían ser os nosos interlocutores.

Concerto de Brainwave en Vigosónico, en decembro de 2011 | Cedida

Súbete ao Castro e Casa da Xuventude

O proxecto de Vigosónico non se pode entender sen o seu predecesor Súbete ao Castro, que pechou de xeito repentino en 2014 alegando a realización de obras. Estas obras nunca chegaron, igual que a súa reapertura. Este espazo situado no alto do Castro quedou inutilizado ata día de hoxe, que continúa sen uso. A Casa da Xuventude, situada na rúa López Mora, correu a misma sorte en 2017. Uns anos antes, en 2011, nacera Vigosónico a raíz dunha colaboración entre Concello e Xunta dentro do programa Rede Galega de Salas de Ensaio. A diferenza das salas de Súbete ao Castro, estas quedaban ás aforas da cidade, no polígono de Valadares.

Grupos de Vigo en Loita

En marzo de 2020 a pandemia da covid asolou o mundo e Vigosónico, como tantos outros sitios, viuse obrigado a pechar. Malia que bares, tendas, teatros e salas de concertos foron abrindo paulatinamente, a instalación municipal permaneceu inmóbil. A comezos de xaneiro de 2022, case dous anos despois do inicio da pandemia, nacía a asociación Grupos de Vigo en Loita para denunciar a situación de Vigosónico, que non abría por uns supostos problemas de ventilación: “Despois de meses sen información ao respecto, as usuarias e usuarios de Vigosónico recibiron a mensaxe de que podían por fin ir buscar o seu material, tras meses en condicións de humidade descontroladas, xa que o peche que no seu momento foi temporal sería indefinido”, describían no seu primeiro comunicado.

A asociación celebra a reapertura e o inicio dunha nova etapa, aínda que lamentan non ter recibido ningún tipo de notificación por parte da Concellería de Xuventude. Así mesmo, móstranse críticos coa forma na que se desenvolveu o procedemento porque teñen claro “que a intención do Concello sempre foi e é pechar Vigosónico”. Isto é evidente, segundo eles, pola xestión do espazo na pandemia e polo recorte de fondos: “O orzamento por ano que se vén de aprobar é o máis baixo da súa historia (28.000€ anuais menos) e tamén hai un recorte no horario respecto ao que había antes da pandemia”, explican. Subliñan tamén que desde hai anos o estudio de gravación está inutilizado por non haber ningún empregado contratado que teña capacitación para manexalo.

“Estamos convencidos de que, de non existir a nosa plataforma, Vigosónico tería pechado definitivamente unha vez máis, pois a protesta é o único xeito de conseguir cousas neste Concello”, defenden desde a plataforma. Por último, conclúen que “Caballero descoñece totalmente a situación de Vigosónico, o que se fai alí e as súas bandas, porque a súa desidia cara a escena musical viguesa é total; el só se preocupa de facer contratos millonarios a bandas internacionais para saír el de abreconcertos”.

CAMELIAS NADAL
Algúns dos membros de Grupos de Vigo en Loita manifestándose nas instalacións de Vigosónico | Cedida

Juan Rivas, novo xerente

Juan Rivas é un músico coñecido polas súas creacións inclasificables e hipnóticas que exploran ritmos latinos e electrónicos sen ataduras. Ese estilo libre, desacomplexado e electrónico pode lembrar o explorado por Golpes Bajos unha década antes de que Rivas empezase na música, da mesma maneira que a deriva tropical do seus temas tamén bebe moito de Radio Futura ou Los Coyotes.

En 1997 funda Estereocéano, un cuarteto de electropop envolvente e sensual ou, como ben indica o seu único disco, Caleidoscópico (1998). Foi publicado pola discográfica multinacional Polygram e producido por Pablo Iglesias. A tendencia experimental e ambiental continúa na súa traxectoria en solitario e abrangue xéneros do máis variados: soul, electrónica, lounge, funk, pop, rumba e música cubana, xamaicana ou brasileira. Na actualidade o seu labor está máis orientado á promocion e xestión cultural. Organiza os festivais Vive Nigrán e Solpor de Monteferro coa súa empresa La Décima Planta, e traballou como presidente do Consello Territorial de Galicia da SGAE.

Juan Rivas | P. Vázquez

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.