REVISTA ABRIL

Reabre a Sala Ártika co I Festival Comediártiko

Boas novas para os amantes do teatro e da cultura. A Sala Ártika reabre as súas portas en setembro co Festival Comediártiko, que traerá seis obras de humor ao longo dun mes.

Nun tempo tan escuro para a cultura como o que estamos a vivir, a volta da programacións dos teatros supón unha gran nova. Esta mesma semana tanto o Ensalle como o Teatro Afundación presentaron os seus respectivos programas de outono, ao que se lles suma a Sala Ártika co seu I Festival Comediártiko. Terá lugar do 5 de setembro ao 4 de outubro. Estas son as obras:

VOA, VOA! – TALÍA TEATRO (05/09 ás 18:00 e 06/09 ás 12:00 e 18:00)

Voa, voa! é un espectáculo dirixido especialmente para público infantil pero para desfrutar en familia, para divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras. Todas as tardes despois de merendar Xoana baixa a xogar ao parque. Alí coincide con Anxo, un neno introvertido que prefire estar na casa vendo a tele. Pouco a pouco vai entrando nos xogos que lle propón Xoana, todos aqueles xogos que lle ensinou a súa avoa.

Unha montaxe na que se proporá recuperar ditos, retrousos, xogos de man,…toda unha relación de ditos populares centrados nestas pequenas rimas que perduraron xeración tras xeración e que se foron transmitindo de xeito oral. Un espectáculo para incentivar a xogar, pero sobre todo incentivar ás familias (nais, pais pero sobre todo avoas e avós) a furgar na súa memoria para recuperar e transmitir os seus xogos da infancia e o vocabulario que se empregaba.

AS FILLAS BRAVAS E O MITO DE CASANDRA – CHÉVERE (11/09 ás 21:30, 12/09 ás 21:30 e 13/09 ás 20:00)

As Fillas Bravas son tres pandeireteiras do lugar de Momán, parroquia de Trabancas, concello de Padrenda, que cantan coplas e contan contos escoitados ou inventados, con moita retranca e non menos sabedoría.

Nesta nova obra, As Fillas Bravas usan as fontes do teatro clásico grego e da música tradicional galega como ferramentas para a sensibilización social sobre o impacto do cambio climático na nosa forma de vida. As Fillas Bravas e o mito de Casandra é, por un lado, unha obra na que tres mulleres maiores de aldea tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando a sabedoría popular; e por outro, é un espectáculo con perspectiva de xénero á procura de modelos de empoderamento feminino.

COMO SOBREVIVIR A UNHA APOCALIPSE ZOMBI – TEATRO AVENTO PRODUCIÓNS (18/09 ás 21:30)

Avento Producions presenta, unha divertida e sorprendente master class, dirixida polo prestixioso Doutor Chamorro, na que o público porá a proba os seus coñecementos e a súa capacidade de supervivencia nunha Apocalipse zombi.

ALADINO E A LÁMPADA MARABILLOSA –TEATRO AVENTO PRODUCIÓNS (19/09 ás 18:00 e 20/09 ás 12:00 e 18:00)

Versión musical de Avento producións dun dos máis fermosos contos de “As mil e unha noites” ambientada nun Oriente máxico e suxerinte. Posúe a forza, a vitalidade e o atractivo dunha historia exemplar onde os valores interiores das persoas importan máis que as súas aparencias. De esta forma resalta a importancia da autoestima; “A imaxe inflúe pero o verdadeiramente importante e ser ti mesmo”. Aladino é un bo rapaz que fai pequenos traballos para os mercadores de Agrabah co fin de conseguir unas moedas coas que mercar algo para comer. Pero os rumores sobre o seu bo corazón chaman a atención de Jafar, o malvado visir real, que utilizará os seus enganos para obrigalo a roubar a lámpada máxica da cova das marabillas. Por outra banda, no palacio, o sultán trata de atopar un bo príncipe co que casar a súa filla, sen o consentimento desta. Dous rapaces que viven realidades moi diferentes pero semellantes á vez e que, sen sabelo, necesitáranse mutuamente.

MONSTRUACIÓN – ENCONARTE PRODUCCIONES (25/09 e 26/09 ás 21:30 e 27/09 ás 20:00)

Dúas bonecas de Famosa e unha de Mattel vense desbordadas cando a súa compañeira de xogos e dona, unha nena chamada América decide abandonalas fronte unha vida chea de barreiras cíclicas para a muller…

MOFA E BEFA: DUAS PEDRAS NO CAMIÑO – PRODUCIÓNS EXCENTRICAS (02/10 e 03/10 ás 21:30 e 04/10 ás 20:00)

REVISTA ABRIL

Dúas pedras no Camiño é un titulo xenérico para un espectáculo antolóxico das pezas míticas que se manteñen na memoria do público: “Aquela obra que viche coa tua nai, agora podes levar ao teu neto” Ao longo da xira poden mudar algunha das pezas a requerimento do público ou dos contextos que aporte o lugar ou o tempo da representación.

Sen dúbida, comezará con número titulado: “Os 33 reiseñores da Porqueira” que é o prólogo ideal para calquera evento e un dos números mais sutís e celebrados do dueto. Atrás deste virán os números culinarios, de homenaxe ás grandes figuras do cinema, a escritores inmorredoiros, ou as parodias do circo. O título, “Dúas pedras no Camiño” xoga coas alusións á música popular e a sua filosofía, que nos lembra que unha pedra no camiño pode ser algo que nos ensine e nos transforme, ainda que tamén lembra á función dos cómicos de seren unha pedra no zapato… en fin, rolar e rolar!

Para máis información e para mercar as entradas, preme aquí.