Raquel Fernández Fernández: “Pórse no lugar do outro sempre é un exercicio san e necesario”
Raquel Fernández Fernández (Nigrán, 1972) gañou o XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil convocado pola editorial Xerais con I’m Obélix, un libro que trata sobre o TDAH e que explica todo ese conglomerado de persoas que están detrás. Na súa vida diaria, Fernández exerce como chef nun restaurante da súa propiedade no Val Miñor. A pesar do afastado do mundo literario que poida parecer o seu día a día, a lectura e a escrita sempre formaron parte da súa vida. Ao longo dos últimos anos acadou máis dunha quincena de premios polo seu labor poético e narrativo, entre eles o Certame Literario do Concello de Ames (2020) nas modalidades de poesía e narrativa, o segundo premio de poesía do Certame Manuel Orestes Rodríguez do Concello de Paradela (2020), o primeiro premio de Relato Curto en Prol da Igualdade do Concello de Melide (2021), o premio de narrativa do concurso Literario Xaime Illa Couto (2022) ou o Certame de Microrrelatos do Concello de Vilalba (2020, 2022, 2023). En marzo de 2024 publicou a súa primeira novela dirixida ao publico xuvenil, Contas de Buxo.
Vés de gañar o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil coa obra I’m Obélix. Que supón para ti este recoñecemento?
Pois que podo dicir, todo o que conteste a está pregunta quédase curto. Date conta que hai un ano eu non tiña máis que algunha que outra cousa curtiña publicada por aí. Agora tópome con dous libros publicados e un cun premio destas dimensións. O Jules Verne pon o meu nome ao carón de escritores que lin e admiro e nunha editorial do calibre de Xerais. O meu maior medo é espertar calquera mañá e descubrir que todo foi un soño.
obra fala do TDAH, pero contén moitas máis mensaxes. Nalgún acto ti falaches de que quería reflexionar sobre a empatía. Podes explicarnos isto?
A miña idea inicial era escribir unha historia que visibilizara o TDAH porque creo que hai moito descoñecemento, pero cando comecei a miña investigación batín co dato de que, nos institutos, se un de cada dez nenos sofre acoso, no caso de nenos con TDAH esa porcentaxe triplícase. Iso mostra a falta de empatía que hai con este trastorno e penso que en xeral para calquera que sexa diferente. Pórse no lugar do outro sempre é un exercicio san e necesario.
Na novela foxes do maniqueísmo, e recreas a visión de moitas persoas que están arredor dunha persoa que sofre acoso escolar e tamén da incomprensión. De que forma construíches todas as personaxes? Non resultou un exercicio moi complexo poñerte en tantas peles?
Foi difícil, non o nego, pero creo que era necesario que fora desa maneira. Nas situacións de acoso todos temos parte, en maior ou menor medida. A responsabilidade non se limita só a acosadores e vítimas. Pais, mestres, compañeiros, administracións e todo o entorno son parte importante desta lacra da sociedade, por iso á hora de escribir tiven que facer o esforzo de empatizar e situarme no lugar de cada unha desas partes, e tivo un custe emocional importante.
Cal che resultou máis doado escribir e cal máis complexo?
Como pode ser evidente, como nai dun TDAH pórme na pel da nai o do pai de Isma, foi o máis sinxelo para min. E sen dúbida, o capítulo no que fala o acosador principal foi o máis difícil de escribir. Quería fuxir do doado, que sería demonizar a este personaxe, porque penso que polo xeral estes nenos son vítimas, tamén, do seu entorno.
Lonxe do que poderiamos pensar, a obra está ateigada de humor. De que forma se insire nunha trama que fala de tantas problemáticas serias como o acoso escolar, a gordofobia, as doenzas mentais, a soidade ou as ausencias?
O sentido do humor é imprescindible no día a día. Ata na situación máis dolorosa, se buscas, achas un motivo para o sorriso. Ese é o motivo de que, á hora de contar unha historia coma a de Isma, e dirixida ao público xuvenil, fixérase indispensable que levara esa certa carga de humor que nos fai máis soportable a vida.
Como mediches as doses de ficción e realidade? Pregúntoo porque ao ter un fillo con esta doenza é inevitable non pensar que moito do que contas coñécelo de primeira man.
Por suposto que no libro hai situacións baseadas na miña experiencia persoal e coñezo de preto moitas das cousas das que se falan no libro, pero, tamén hai unha amalgama de cousas escoitadas, lidas e presenciadas por min ao longo dos anos. Pertenzo a unha asociación para o TDAH de Vigo, ANHIDA, e alí o meu contacto con estes nenos alimentou o argumento da novela.
Hai tamén moitas referencias a produtos culturais xuvenís, caso dos videoxogos. Neste sentido escoiteiche dicir que tes un fillo na adolescencia e que lle preguntaches no proceso por cuestións variadas. Como cales?
Ben, contar cun adolescente na casa mantente ao día nalgunhas destas cousas, queiras ou non. Ademais, ao meu fillo encántalle falar dos seus temas, e que a súa nai este disposta a escoitalos é un agasallo para el. Creo que desfrutou mostrándome os contidos que consumía en YouTube ou como se xeraban os zombis do Minecraft. Esa parte foi a máis divertida de escribir a historia, serviume para conectar con el.
Obélix é unha figura con moita importancia na historia da literatura e creo que tamén na túa vida. Non é así?
Si, sen dúbida. Meter a Obélix na novela foi unha homenaxe á miña propia adolescencia. Neses anos, fun lectora incansable deses cómics e pasei moi bos intres con eles entre as mans. Ademais, Obélix é impulsivo, despistado, hiperactivo, empático e adorable, un TDAH de manual. Hahaha.
O outro día alguén me dixo que a cociña é facer poesía para as persoas que queres. Como vives ti as túas dúas facetas, como chef e como escritora?
Son procesos que eu relaciono moito, teñen a creatividade como base. De feito, a min mentres cociño a cabeza sempre me fuxe ás historias ás que lle estou a dar voltas. Polo tanto a escrita, no meu caso, aliméntase da cociña.
Lémbraste de cando comezaches a ler e que libros che marcaron? E a escribir?
Lin dende moi pequena, tiña a biblioteca da vila moi preto da miña casa e iso marcoume. Non recordo os primeiros, pero si sei que Moby Dick, por exemplo, foi unha historia que me deixou pegada. Sempre digo que son esa balea cun arpón cravado. O de escribir fágoo dende pequena, porque nunha nena que amaba os libros coma min era inevitable que non rematara soñando con escribir as súas propias historias.
Que les no teu tempo libre? Cales son os libros que máis te emocionan?
Pois leo todo tipo de cousas, incluíndo novela xuvenil e infantil, que eu creo que poden ser para calquera público. A poesía apaixóname e a novela negra entretenme moito. Este ano creo que os libros que máis me emocionaron foron O Incendio de Sara Vila, La mala costumbre de Alana S. Portero e O Curioso Incidente do Can a Medianoite de Mark Haddon.
Estás traballando nalgún proxecto literario do que nos poidas avanzar algo?
Si que estou traballando en algo pero non quero adiantar nada, aínda non sei moi ben por onde vai a tirar a cousa. O que si che podo dicir é que o primeiro libro foi feito para a miña filla, o segundo llo dediquei ao meu fillo, así que, este vai ser para min. Gañeino.