CAMELIAS MASCOTAS

Raphael demostra en Castrelos por que pasará á posteridade

O concerto de Raphael foi un éxito dende o seu anuncio. Con tódalas entradas vendidas dende fai días o cantante enfrontábase, unha vez máis, a un público que o leva acompañado durante os máis de 50 anos da súa carreira. Nunha das noites máis calorosas deste verán en Vigo, Raphael soubo demostrar con creces por que ten tanto fan incondicional.

REVISTA NOVEMBRO

Pasaban poucos minutos das once da noite cando Raphael se subía ao escenario de Castrelos. O facía vestido de negro de pés a cabeza, como de costume. Soaba un tema instrumental ao tempo que un auditorio repleto o vitoreaba e aplaudía. O de Raphael era un concerto gañado de antemán. Pero, cun espectáculo que pasou das dúas horas, Raphael non defraudou e demostrou que a pesar dos seus 75 anos aínda lle quedan pilas para seguir a cantar e bailar ata o infinito.

Comezou con tres temas do seu último traballo ‘Infinitos bailes’, ‘Aunque a veces duela’ e ‘Loco por cantar’. Tras este preludio o cantante non quixo facer de rogar máis ao seu público e xusto antes de cantar ‘Mi gran noche’ asegurou que ao longo do concerto Castrelos bailaría ao son das súas cancións máis coñecidas. Foi unha das noites máis calorosas deste verán en Vigo e con ‘Mi gran noche’ o ambiente caldeouse aínda máis. O tema serviu para que público e artista conectasen e comezasen a gozar xuntos dun show no que Raphael se deixou a pel. Demostrou unha vez máis que el onde se sinte máis cómodo é no escenario e interpretou cada tema como se lle fora a vida nel. Os fans do cantante responderon da mesma maneira emocionándose coma el con cada un dos temas que interpretaba. Fixo un repaso pola súa longa discografía, composta por decenas de discos e soaron temas como ‘Ella’, ‘Provocación’, ‘Maravilloso corazón’, ‘No puedo arrancarte de mi corazón’ ou ‘La quiero a morir’. É complicado enmarcar a Raphael nun rexistro. Tal como demostrou onte no seu repertorio conta con grandes baladas coas que fai vibrar os corazóns, ten temas flamencos que fan referencias a súa orixe, hai rancheiras que poñen de releve o seu éxito en México, hai incluso algún guiño ao rock e por suposto hai moito de pop bailable.

O artista de Linares deixou a artillería fina para a recta final do concerto. Arrancou con dúas das súas baladas máis célebres ‘Estar enamorado’ e ‘En carne viva’. Ao soar os primeiros acordes de ‘Escándalo’ o auditorio ao completo púxose en pé. Seguíronlle ‘Ámame’ e ‘Que sabe nadie’. Tras saír brevemente do escenario volveu para pechar o espectáculo con ‘Yo soy aquel’ e ‘Como yo te amo’. Castrelos cantaba a unha soa voz e se rendía ante Raphael. Un Raphael que o volveu conseguir.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.