‘Ragazzo’, de Barrosanta

Xénova, verán de 2001. A cidade italiana vive a restrición de dereitos sociais máis grande desde o remate da Segunda Guerra Mundial: fronteiras pechadas, detencións aleatorias, prohibición de manifestacións ou reunións. Mesmo se prohibe tender a roupa nos balcóns. Trinta mil axentes controlan as rúas e protexen os líderes dos países máis poderosos do mundo no cume do G-8. Nun garaxe ocupado da capital de Liguria, Ragazzo goza da época estival como o que é: un rapaz novo, cheo de ideais, sedento de vida e diversión e disposto a todo por cambiar o mundo.
Barrosanta, compañía procedente do concello ourensán de Barbadás, presenta na Sala Ártika esta adaptación ao galego da dramaturxia de Lali Álvarez, con dirección de Xavier Castiñeira e iluminación de Violeta Martínez, verbo da vida e a morte do activista italiano Carlo Giuliani. Un monólogo protagonizado polo fantástico Anxo Outumuro, que encarna de xeito soberbio ao mozo asasinado polos carabinieri na Piazza Alimonda durante as protestas contra o cume capitalista.
Con esta oda á xuventude e á liberdade, Barrosanta entra en escena como unha das compañías de recente creación que máis interese espertan. Desde a denuncia e o compromiso, pero sen renunciar á festa e á alegría, Ragazzo é pura revolución sobre as táboas, comandada por un intérprete en estado de graza que xa non é futuro, senón presente do teatro galego.
Data e hora: Venres 11, sábado 12 e domingo 13 , ás 20.00 horas
Lugar: Ártika (avenida da Beiramar, 113)
Máis información e entradas: Axenda de eventos
Ernesto Is
Últimos posts de Ernesto Is (ver todos)
- ‘El diablo en la playa’, de Matarile Teatro - 31 Marzo, 2022
- ‘MEMO’, de Teatro Ensalle - 23 Marzo, 2022
- ‘Ragazzo’, de Barrosanta - 8 Febreiro, 2022
- ‘Algún sitio al que volver’, de Cambaleo Teatro - 1 Decembro, 2021
- ‘Cariño’, de Vaiembora - 18 Novembro, 2021