CASAACUNHA

Xosé A. Touriñán: “A obra de ‘Fariña’ está máis baseada no libro e ten como protagonista á sociedade, a Galicia”

Se o libro converteuse nun best seller e a serie nun fenómeno social, a adaptación teatral de Fariña semella ir polo mesmo camiño: catro funcións na Coruña, cheo en Ferrol e clausura do FIOT (Festival Internacional de Outono de Carballo). Esta fin de semana chega a Vigo cunha triple sesión, con dúas funcións o sábado e unha o domingo. Charlamos con Xosé A. Touriñán, ideólogo desta adaptación e actor nestra obra que promete aportar un novo punto de vista á historia do narcotráfico en Galicia. Podes mercar aquí as túas entradas.

Touriñán durante unha entrevista en Pontevedra o ano pasado, promocionando ‘Somos Criminais’ | Alba Sotelo

Xa estrenastes a obra na Coruña, Carballo e Ferrol. Como está a funcionar esta nova adaptación do exitoso libro?

Todo o que estamos a recibir é estupendo e marabilloso. Todo o que nos manda de volta o público ao rematar é para estar contentos e orgullosos. Traballamos moito, hai case un ano que comezamos a facer a adaptación e estivemos tres meses traballando os actores. Tes que estar a altura, o libro é espectacular e a serie aínda máis case, e creo que o conseguimos.

Para os que teñan lido o libro ou visto a serie, que lles pode aportar de novidoso esta versión teatral?

É outro punto de vista, con outros protagonistas e centrado noutras cousas. Entendo que o que chegou máis á xente foi a serie, pero só é unha parte da historia centrada na Operación Nécora e nuns personaxes en concreto. A obra está máis baseada no libro e ten como protagonista á sociedade, a Galicia. Somos só 5 actores pero polo escenario pasan uns 50 personaxes. Intentamos que sexa un espello, que sexa o público quen reflexione e decida en que lugar estaría en cada momento da historia. É unha mirada máis global.

Polo que lin fuches ti quen lle propuxo a Nacho a idea de adaptar Fariña ao teatro. Agora que é unha realidade, parécese a como o imaxinaras nun principio?

Eu creo que non (risos). Conseguimos facer un gran espectáculo súper entretido. Ademais de contar a historia que estamos contando, é moi importante que a xente que veña ao teatro desfrute durante esas case dúas horas. A min é o que máis me preocupa no teatro, que a xente pase un bo rato, e non só no sentido de rir, senón de que lle provoque sensacións. Hai comedia pero tamén hai drama, como a propia historia. O que fai un traballazo tamén é José L. Prieto, que é quen fixo a adaptación.

Entón poderiamos considerala unha comedia dramática?

Ti pensa na historia. Igual é un drama cómico. Ao principio todo vai ben e hai pasta pero despois comeza a morrer peña. Tamén tocamos o tema de heroína, que aínda que se afaste un pouco máis do libro, foi a droga que máis xente matou. Aí está a parte máis dramática: comezan a morrer rapaces de varias xeracións, quizáis pola desinformación de non saber o que estaban a tomar. Ata ese momento todo era unha festa porque había pasta. E ademais que segue a pasar a día de hoxe, porque parece que esta historia é algo que xa pasou pero segue a entrar moita droga en Galicia. É algo que intentamos deixar bastante claro na peza teatral.

Comentabas antes que cada un dos actores interpreta a varios personaxes, e contando con ides facer unha triple sesión en Vigo e na Coruña fixestes catro, imaxino que acabaredes as findes valdados.

A verdade é que acabamos reventadísimos (risos). Pero é unha función súper divertida de facer, facemos moitas cousas como cantar, bailar, tocar música en directo… Todos facemos todo. É esixente pero desfrutámola moitísimo, eu estou desexando que chegue o sábado para facela.

Imaxino que para este tipo de espectáculo é necesaria moita química entre os actores, e con varios deles xa tes traballado no pasado. Facilita o traballo isto?

Pois claro. Realmente eu con quen tiña traballado é con Tito Asorey na dirección de Somos Criminais e con Marcos Pereiro, que é o meu irmán e traballamos moito tempo xuntos. Somos 5 actores e non sabes moi ben como vai saír. Intúelo, porque eu os coñezo a todos, pero a verdade é que funcionou moi ben e foi súper sinxelo. Con Cris Iglesias e María Vázquez si que coincidín nalgúns traballos, na serie de Fariña por exemplo, pero non de traballar man a man con elas. E con Sergio Zearreta nunca traballara, pero é outro fenómeno, un león, fai de todo. Buscamos aos mellores para facer isto.

Nos últimos anos estás a conseguir algo que hoxe en día semella case imposible, que é encher teatros con obras galegas e en galego. 

Banner A Movidiña

Pois non sei cal é a clave, supoño que facer cousas que á xente lle interesen. Que saiban que van a gozar, que o van a pasar ben, que non nos imos aburrir. É certo que desde a comedia chegas a moita máis xente, é normal tamén, temos ganas de rirnos. Con todo o que está pasar e normal que queiramos rir. Só pretendo que a xente asocie que cando Touriñán vai a un lugar valo pasar ben. Que se poidan encher os teatros con espectáculos en galego é unha satisfacción. Durante moito tempo eu creo que non se preocupou o teatro galego en buscar público. Cando traballas con subvencións dáche igual ter cinco ou 500 persoas diante. No noso caso dependemos do público: se vendemos entradas cobramos todos, se non vendemos pois non cobramos.

Para rematar, con que canción te quedas, coa de Iván Ferreiro ou coa de Novedades Carminha?

Eu voume quedar coa de Novedades Carminha, sen dubidalo ademais. A de Iván é un temazo e fixo un traballón na serie, pero esta é a nosa. Á vez que preparaba o texto con Nacho Carretero, chamei a Carlangas (cantante de Novedades) e conteille a historia. Tiña ganas de facer algo xuntos porque eu o admiro un montón, e díxome que el a min tamén. Desde o primeiro momento estiveron aí a tope, é un temazo e ten moito que ver coa historia. Simplifica e resume moi ben o que queremos contar na peza teatral.

(GMT+01:00) Teatro Afundación

(GMT+01:00) Teatro Afundación

(GMT+01:00) Teatro Afundación

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.