Que tal desde agora?
Na actualidade, a utilización do galego como lingua vehicular implica unha serie de obstáculos tanto no mundo físico como no dixital. Especialmente neste último, onde segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) case o 70 % das persoas enquisadas navegan en Internet usando o castelán. A cifra dos que utilizan o galego nas súas buscas e demais interaccións sociais na Rede é inferior ao 2 %. Estes datos agravan aínda máis unha problemática que xa vén de vello: Google ou Facebook non recoñecen o galego como idioma á hora de anunciar algún produto nas súas canles, e o dominio .gal non conta co mellor posicionamento nos buscadores. Baixo a lóxica de atopar máis resultados, moitos galegofalantes priorizan o castelán nas súas pescudas. Coa idea de reverter esta tendencia, o mes pasado naceu Agora.gal, unha plataforma dixital que pretende «distribuír contidos en galego mediante a agregación voluntaria de creadores», funcionando como portal de entrada a toda a información no noso idioma espallada pola Rede. Un amplo abanico de novas sobre cultura, deporte, divulgación ou gastronomía nun único espazo.
Internet é un escenario prioritario na batalla pola recuperación da lingua, dado que os ordenadores, as tabletas e os teléfonos móbiles forman parte das nosas ferramentas de uso cotián para o lecer, a información e a comunicación. Especialmente na xente nova: como recolle o IGE, case a metade dos menores de entre os 4 e os 15 anos utilizan sempre o castelán, mentres que só un 14 % fala sempre en galego. Na medida en que aumenta a idade das persoas enquisadas, estas porcentaxes tenden a inverterse, malia que en cidades como Vigo, o 45 % da cidadanía comunícase só na lingua de Cervantes, deixando a de Rosalía nunha situación delicada de cara ao futuro.
Para non caer no pesimismo, cómpre lembrar que existen gromos verdes. Un deles é o neofalantismo, a corrente que leva a moitas persoas a utilizar o galego no día a día a pesar de terse criado noutra lingua. Fernando Ramallo, investigador e docente do departamento de tradución e lingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución e director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, xa case considera que o neofalante é «un suxeito clave para o mantemento das linguas minoradas». Non existe un único perfil para esta clase de persoas: poden darse en grandes cidades ou en vilas pequenas; adoptar unha lingua estándar, inserirse nunha variante dialectal ou mesmo achegarse ao reintegracionismo. Ramallo, que ademais é un dos coordinadores da publicación Neohablantes de lenguas minorizadas en el Estado español, destaca que «estamos nun momento histórico no que conflúen dous procesos sociolingüísticos contraditorios: a transmisión interxeracional e a intraxeracional». A segunda é a clave, pois o seu asentamento pode chegar a inverter a tendencia castelanizanteda primeira. É dicir, canta máis xente adopte o uso do galego, máis crianzas se darán no noso idioma, redundando nas próximas xeracións.
Co gallo de sumar máis xente ás filas de neofalantes, nacen iniciativas como Faladoiros(@faladoirosvigo), impulsados pola docente viguesa Irene Romeiro. Educada en galego, de nena viuse empurrada a castelanizarse a causa do sistema educativo e das interaccións sociais con outra rapazada. Con todo, retomou moi nova a lingua materna… e ata hoxe, cando dirixe estas xuntanzas orientadas a quen queira ampliar e mellorar o seu galego, orientándose especialmente cara ás persoas adultas que sintan a nosa lingua arredada dos seus contextos vitais. O primeiro faladoiro convocouse o pasado mes de setembro no Parque de Castrelos, de aí pasaron ao Café de Catro a Catro e mesmo á Rede, cando as restricións sanitarias deixaron de permitir este tipo de encontros. Na actualidade continúa a ofrecerse este servizo gratuíto en liña, coa esperanza de que axiña se poidan volver organizar sen recorrer ás pantallas.
A cultura xoga un papel fundamental nesta casuística. Os idiomas serven para transmitir identidades e sentimentos propios e tamén para crear novos mundos. O audiovisual, a literatura, a música ou o teatro son vitais para a lingua, remexendo consciencias coa creatividade como combustible. Todos estes sectores gozan de referentes decididos a usar o galego para expresar as súas ideas, aínda que parten dunha evidente situación de desvantaxe con respecto a outros produtos do resto do Estado e do mundo enteiro.
E non só os medios tradicionais exercen influencia sobre nós, pois nos últimos anos estamos a presenciar como outras alternativas audiovisuais viñeron para quedar. Temos unha morea de podcasts en galego no portal Podgalego (podgalego.agora.gal), aprender e escachar coa risa en canles de YouTube con nomes como Aquel-e, Nubes Baixo Ti, olaxonmario,Páramo Pictures, Xacobo de Toro Cacharrón ou baixo o proxecto Youtubeir@s. Tamén podemos pasar o tempo en TikTok con perfís como @digochoeu, @skinqui ou @todomal.va. Cos colectivos que habitan nestas redes existe unha fenda xeracional a través da que moitos adultos miran con desconfianza as creacións de xente moi nova. Haberá contidos mellores e peores, condutas educativas e inadecuadas, cousas inspiradoras e estúpidas… como en calquera outro medio ou representación cultural, polo que non se sostén ese desprezo baseado máis no prexuízo que na realidade.
Quer como propósito de aninovo, quer por influencia dun grupo de música ou dun tiktoker, o importante é atreverse a dar ese primeiro paso cara á utilización plena do noso idioma, a auténtica normalización. E a pesar de que ás veces parece que as opcións en galego son escasas, é cuestión de pescudar máis aló da superficie para decatarse de que existe unha realidade crecente de alternativas. Apoiar esta tendencia está nas nosas mans e na nosa lingua. Que tal desde agora?
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024