Que facer nesta ponte en Vigo e arredores
Esta semana a cidadanía de Vigo gozará de dous festivos os días 15 e 16 de agosto, datas da Asunción da Virxe e de San Roque, respectivamente. Xa que durante esta ponte a cidade reduce a súa habitual actividade, propoñemos outros plans noutros lugares como Redondela, Pontevedra ou Vilagarcía de Arousa.
A pesar de que nos festivos Vigo amose a súa faciana máis tranquila, iso non quere dicir que non haxa nada que facer na nosa cidade. Así, temos o mércores 15 a habitual actuación de Antifrágil na Casa de Arriba, a Unión Musical de Cabral tocando na Colexiata no ciclo Mar de Bandas e a Romaría da Virxe do Alba, coa charanga Los Imperiales e o grupo de gaitas Senfol da A.C. Sadeo.
O xoves 16 contaremos cos concertos de Tincho Fernán na Sala Contrabajo e de Blackstereo no Sinatra Coctel Bar, e durante a fin de semana teremos dous concertos en goleta do festival Agosto na Ría: os Wavy Gravies o venres 17 e Breakin’ Bones o sábado. Ademais, na Cantina do Liceo, en Bouzas, actuará a banda tributo Monos in Arms.
Saíndo de Vigo, atopamos nos pazos de Nigrán dous concertos de alto nivel: Sidecars, o xoves 16 no Pazo de Urzáiz, e Burning, o venres 17 no Pazo de Cea. Máis ao norte, en Pontevedra, están a ter lugar as Festas da Peregrina, con concertos de Andrés Suárez (martes), Bunbury (mércores), Antonio José (xoves) e de novo Sidecars (sábado).Para os amantes da gastronomía, esta semana celébrase en A Cañiza a xa habitual Festa do Xamón, con concertos, orquestras, maxia, torneo de fútbol, catas e masterclass de como cortar xamón.
Seguimos subindo ata chegar a Vilagarcía de Arousa, onde esta semana celebran o San Roque, entre outras cousas, coa súa tradicional Festa da Auga. Mais antes, o martes 14, haberá un concerto da mítica banda de rock arxentina Tekila, con Ariel Rot e Alejo Stivel á cabeza. O día grande será o do propio San Roque, o xoves 16, coa mítica Festa da Auga, declarada Festa de Interés Turístico Nacional pola gran afluencia de xente que congrega. Moi preto de alí, en Vilaxoán, comezará o venres 17 o Festival Revenidas, coa actuación de bandas como Soziedad Alkohólica, The Real Mckenzies ou Dakidarria.
De volta a Vigo faremos unha última parada en Redondela, onde o sábado 18 terá lugar o clásico Entroido de Verán, coa VIII Gala Drag Queen presentada por Cristian de Samil e as actuacións musicais de Henry Méndez, DKB El Rey del Party e Compota y su Ricura.
Avecíñase unha semana diferente na que atopamos numerosas alternativas de ocio e lecer, tanto na nosa cidade como noutras vilas e cidades da nosa provincia. Unha boa oportunidade de tomar un breve descanso e gozar das festas doutros lugares, con actividades e concertos de moito renome.