Últimas entradas para Agosto na Ría
Hoxe presentouse o Festival Agosto na Ría e as entradas xa están a piques de esgotarse. Neste peculiar evento música, mar, gastronomía e viño van da man. Se este agosto queres gozar dun concerto a bordo dunha goleta apura.
- A artista Najla Shami na presentación aos medios de Agosto na Ría.
- Iñaki Bretal preparando a bordo os productos de O Percebeiro.
- Bluscus e Marqués de Vizhoja organizan unha nova tempada de Agosto na Ría.
Que mellor escenario para escoitar música en directo que a nosa ría? Pois se xa así parece un bo plan, imaxínate que lle sumamos que vas navegando nunha goleta, na man suxeitas unha copa dun bo albariño, o ceo sorpréndeche cun espectáculo de cores e estás a degustar produtos típicos da gastronomía mariñeira galega. Pódese pedir máis? Pois, bule porque as entradas están a punto de esgotarse.
Agosto na Ría é a proposta de Bluscus e a bodega Martín de Vizhoja para este agosto. En total son oito as datas que compoñen o cartel. A primeira será o sábado 3 de agosto coa actuación do grupo Edu Calvario & Los Mártires del Camposanto. A seguinte fin de semana o venres a velada correrá a cargo de Ghost Beast, o sábado 11 os acordes soul tinguirán a ría de Vigo co concerto do madrileño Juan Zelada. A fin de semana do 17 e 18 de agosto actuarán os grupos locais Los Wavy Gravies e Breakin’ Bones co seu rock&roll gamberro farán que todos os asistentes movan o esqueleto. O artista barcelonés A Singer of Songs será o encargado de abrir as actuacións da fin de semana do 24 de agosto, o sábado a cantante galega Su Garrido Pombo deleitará aos artistas cos seus temas propios e covers doutros artistas. Por último, a música portuguesa de SENZA será a encargada de pechar o festival o 31 de agosto.
A gastronomía é outro dos grandes atractivos do evento. O chef do Grupo Nove Iñaki Bretal será o encargado de preparar empanada de chocos, navallas e mexillóns que maridan á perfección co albariño de Marqués de Vizhoja.
Sen dúbida unhas veladas moi galegas que teñen tódolos ingredientes para ser inesquecibles. Se queres que pasen a formar parte dos teus recordos estivais as poucas entradas que quedan están á venda en tiketea a un prezo de 45€.
Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- O ‘queer’ fala galego - 1 Xuño, 2026
- Nuria Vil: «Segue a existir a narrativa de que as persoas queer somos perigosas» - 1 Xuño, 2026
- A ‘Tertúlia’ de Fillas de Cassandra conquista Pontevedra - 10 Maio, 2026
- Fran Alonso, escritor e editor: «Estamos no fin do modelo capitalista, pero os finais son moi longos» - 28 Abril, 2026
- Anxo Pintos: «Cómpre unha programación municipal que garanta a presenza de grupos galegos» - 1 Abril, 2026






