CAMELIAS MASCOTAS

Que facer en Vigo esta ponte de agosto

Aínda que en agosto a cidade baixe as revolucións, temos por diante seis días repletos de actividades de todo tipo e pelaxe. Preme nos títulos para obter máis información de cada evento. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

CONCERTOS DE BAD GYAL E ANA MENA – Xoves 10 e martes 15 en Castrelos ás 22:00 – De balde

Pasado o ecuador dos concertos, esta ponte temos dúas actuacións máis: Bad Gyal o xoves 10 e Ana Mena o martes 15.

O MARISQUIÑO – De xoves 10 a domingo 13 en Samil, As Avenidas e Porta do Sol – De balde

Volve o festival máis importante de Vigo con catro xornadas de deportes de acción e música urbana. Unha das novidades desta edición é que a maior parte das probas e os concertos trasládanse á praia de Samil. O famoso descenso urbano pasa ao sábado a primeira hora da tarde.

FESTAS DE SAN LOURENZO DE CORUXO – De xoves 10 a sábado 12 en Coruxo – De balde

As Festas de Coruxo traen numerosas orquestras á parroquia viguesa para gozar de catro días de verbena.

CURIOSIDADES SOLITA: DOOMNIGHT – Venres 11 ás 21:00 – De balde

Doomnight é unha banda viguesa de metal gótico con toques sinfónicos e progresivos creada en 2019, e formada por Diego á guitarra, Michelle ao baixo, Iago na batería e Laura como voz solista.

CONCERTO DE THE WIPEOUTS – Venres 11 ás 21:30 na Sala Komisnky – 5,00€

Concerto da banda tinerfeña de Surf-Punk-Rock na sala Kominsky.

PERSEIDAS – Do venres 11 ao luns 14

As perseidas, tamén coñecidas como bágoas de San Lourenzo por ser o 10 de agosto esta festividade relixiosa, é unha prolífica chuvia de estrelas que ten o seu punto álxido entre o 11 e o 13 de agosto. Podemos velas desde zonas elevadas, preferiblemente afastadas dos núcleos urbanos, e tamén desde o mar grazas as navieiras locais.

CONCERTO DE LEIRA PAPAIA – Domingo 13 ás 13:00 en Deilán Praia – De balde

Leira Papaia, como o seu nome ben indica, é unha mistura altamente orixinal das cantigas galegas coas cancións dos boleros e os estilos tropicais dos “arredores”. O trío formado por violín, guitarra e contrabaixo, explora dende a sonoridade acústica do instrumental e as voces, todas as posibles músicas que xurdiron tanto na Galiza como no exilio dos “gallegos”. 

ROMARÍA DE SAN ROQUE – Do luns 14 ao xoves 17 no Pazo de San Roque – De balde

A banda granadina La Guardia, un referente na música española desde os anos 80, abrirá a primeira xornada de concertos na edición de 2023 da tradicional romaría de San Roque, en Vigo. Xunto a eles, ao longo de catro días, pasarán polo escenario do pazo vigués grupos como The Hendersons, Patinamá, Trío Somoza, Alberto Cunha ou San Rockers, nunha oferta gratuíta e para todos os públicos que como sempre quere amenizar a cita tradicional máis popular do verán vigués.

CHANDEFOLK: SUSANA SEIVANE – Luns 14 ás 22:00 en Chandebrito – De balde

REVISTA NOVEMBRO

O Concello de Nigrán consagra este ano o festival Chandefolk a Susana Seivane, ilustre gaiteira galega e auténtica lenda viva deste instrumento. A cita será o luns 14 de agosto ás 22:00 horas en Chandebrito (merendeiro de Chans de Rapadouro, ao carón do campo de fútbol).

ESPECTÁCULO INFANTIL EN CLAVE DE CLOWN – Mércores 16 ás 20:00 en Castrelos – De balde

“En clave de Clown”, a última actividade infantil do verán en Castrelos, é un espectáculo que combina música e humor de Barafunda Animación en colaboración coa Banda de Música Municipal de Silleda.