CAMELIAS MASCOTAS

Probamos a cata a cegas e o ‘escape room’ de Puro Delirio

Gastronomía e diversión son as premisas deste local da zona vella comandado polos irmáns Carlos e Paula Puga desde 2021. Estamos ante un concepto anovador para entender a hostalería; cada mes a decoración do establecemento cambia de xeito radical e cada semana prográmanse diferentes actividades. Os dous eventos estrela nestes momentos son os escape rooms dos xoves, con ambientacións e probas que varían segundo o mes; e tamén están as comidas ás cegas dos domingos, onde o plan consiste en tratar de adiviñar seis bebidas e nove pratos misteriosos nunha experiencia guiada. Probamos ambas experiencias nunha xornada delirante.

Carlos e Paula Puga na porta do establecemento | P. Vázquez

Os irmáns Carlos e Paula Puga fan unha parella perfecta. El vén da hostalería e ela da animación e os eventos, e a suma das súas habilidades formou en 2021 Puro Delirio. O primeiro que sorprende é a decoración: cada mes unha distinta, baseándose en temáticas variadas e datas sinaladas. Este mes, por exemplo, os irmáns inspiráronse na Reconquista e en Carolo, o mariñeiro fusilado polas tropas francesas na Porta da Gamboa o 28 de marzo de 1809.

Pero non queda aí a cousa. Ademais dunha carta rica e diversa e de organizar ceas grupais con festa incluída, os responsables propoñen diferentes actividades ao longo da semana para atraer máis xente ao seu paraíso delirante. Os dous eventos estrela son os escape rooms dos xoves e as comidas a cegas dos domingos. Catamos ambas experiencias para poder contar as nosas impresións en primeira persoa, pois non é o mesmo oílo que probalo.

Escape room

Cada xoves Puro Delirio propón un misterio distinto a resolver en dúas quendas, ás 20:00 e 22:00. Os grupos poden ser de dúas a seis persoas, cun prezo de 8€ con consumición incluída. É preciso reservar previamente.

Malia que cada semana é distinto, non desvelaremos as probas exactas polas que Paula Puga nos fixo pasar ao longo dunha hora. Só diremos que o obxectivo final era atopar un agasallo que Bernardo o arlequín agochou no local. Mesmo antes de entrar pola porta o xogo xa comenzara cunha misteriosa mensaxe no Whatsapp. Era un dos diferentes códigos que houbo que descifrar ao longo da noite, cada un seguindo unha lóxica distinta. Máis aló de que a diversión é obxectivo final deste tipo de prácticas, non é para tomalo a broma: as probas son os suficientemente complexas e distintas como para esixirte unha concentración ao 100% durante 60 minutos. Mentiría se dixese que conseguimos completar a tempo o escape room, pero esa é outra historia.

Comida a cegas

As comidas a cegas son os domingos en dúas quendas, 13:00 e 14:45. Máximo dez comensais cun prezo de 30€ por cabeza. É preciso reservar previamente.

REVISTA NOVEMBRO

Agora é Carlos quen exerce de mestre de cerimonias. Tápanos os ollos cunhas vendaxes negras e ao longo de máis dunha hora vai servindo os pratos e bebidas cun sixilo admirable. Como é obvio, tampouco desvelaremos a decena de petiscos e a media ducia de bebidas que desfilaron pola mesa, só diremos que todo estaba ben rico. O mellor é que a maioría dos produtos servidos están na carta, polo que se quedamos con ganas de maís sempre podemos volver e pedir os que máis nos gustaron.

A cata é unha experiencia do máis curiosa. A falta da vista, o noso sentido máis fiable, temos que xogar co tacto, co olfato e co gusto para ir descubrindo os ingredientes de cada prato. Algún son máis fáciles de adiviñar ca outros, e hainos que son do máis enganosos. Por sorte, Carlos está presente durante todo o proceso para brinarnos algunha pista e, unha vez adivinado, explicarnos cada manxar. Cos ollos pechados e co bandullo cheo o tempo pasa voando.


Rúa Teófilo Llorente, 43 | 986 04 65 36 | purodeliriovigo@gmail.com | @purodeliriovigo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.