REVISTA ABRIL

Puro Delirio, de vicio

Continuamos a ruta por eses restaurantes vigueses altamente recomendables para as comidas de Nadal cunha parada en Puro Delirio. Hai uns meses que este local abriu as súas portas en Teófilo Llorente e os seus donos esméranse por facer pasar unha velada divertida a todos os comensais.

Unha das últimas incorporacións á oferta gastronómica da zona vella é este restaurante cun concepto diferente, no que á diversión é un dos ingredientes principais. Os artífices son os irmáns Carlos e Paula Puga, respectivamente actor e cantante, que se deron a coñecer na cidade e a través das redes co seu show diario desde o balcón durante o confinamento do 2020. Co mesmo espírito de entretemento nace o seu bar e restaurante, no que teñen previsto programar actuacións nos próximos meses.

No menú atopamos pratos de aquí e de alá. «Eu trouxen moitas ideas das miñas viaxes e temos un chef moi bo», sinala Carlos. A carta fixa é concisa, e está pensada para compartir. Nela atopamos dez pratos, como gyozas, burrata con pan torrado, nachos con guacamole ou pizza truffata. «Preferimos xogar con moitas opcións fóra de carta que nos permitan ofrecer variedade e sorpresa», contan os irmáns Puga. O local tamén é coñecido polo ambiente de copas que se forma despois da quenda de ceas.

Como xa adiantamos, a posta en escena xoga un papel importante. Demostrárono recentemente cunha festa de Halloween, que se prolongou durante unha semana con obradoiros temáticos e un túnel do terror instalado na sala. O Nadal non teñen pensado levalo tan lonxe, pero si prometen sorprender coa decoración, no que se instalou unha árbore e chemineas, «ademais de farois, renos, neve, calcetíns e moitos outros detalles sorpresa». Unha experiencia de inmersión nun mundo inspirado no concepto do branco Nadal.

Plan para o Nadal

Seleccionar un dos catro menús que teñen dispoñibles nas redes sociais, especialmente pensados para as ceas de grupo. Hai dúas opcións de petiscos e outras dúas cun prato de carne, peixe ou vexetais por comensal. Ademais inclúe a primeira copa e desconto nas sucesivas.

Enderezo:       rúa de Teófilo Llorente, 43

Teléfono:        627 81 31 35

Carta:              drive.google.com/drive/folders/1ikfsod3-gXjI0yvBUg4mf4H2xmxv8xK7

REVISTA ABRIL

Facebook:       facebook.com/deliriovigo

Instagram:      instagram.com/purodeliriovigo

Apertura:        de luns a domingo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.