Professor Cumberland, prendas vintage con moita maxia
Professor Cumberlan é unha marca de roupa vintage, seleccionada por Carlos Tomico: mago e bailarín de swing. As prendas desta tenda online teñon moito dos seus dous mundos e seguen un estilo clásico, atendendo á perdurabilidade e calidade e facendo gala da xastrería tradicional.
Ademais dun estilo de música e baile, o swing pode ser un estilo de vida, unha filosofía amparada pola alegría que transmiten os seus movementos e cunha estética moi ligada aos anos vinte, trinta e corenta, cando se prodigaron os salóns deste tipo de baile nos Estados Unidos. Carlos Tomico é profesor de swing, mago e fundador dunha marca de roupa vintage, moi ligada ás súas profesións e á súa identidade, que naceu durante as súas viaxes por Europa.
O nome da firma tomouno dun famoso mentalista vitoriano capaz de atopar obxectos ocultos polo público nunha sala. Ese interese por sacar tesouros á luz está no proceder deste negocio, que percorre os mercados de Ámsterdam, Francia ou Portugal na procura de pezas únicas, que reflictan o look clásico e formal das primeiras décadas do século pasado. Nesta tenda dixital atopamos chaquetas americanas, gravatas, pantalóns, tirantes e xemelgos de segunda man para contaxiarnos do estilo swing e vestilos dentro e fóra da pista de baile.
O emprendedor é un apaixonado da xastrería tradicional, sos tecidos de calidade e das prendas feitas á man e con esta iniciativa quere achegarlles aos compradores estes coñecementos sobre vestimenta vintage. O obxectivo é poñer en valor os modos de facer máis pausados e pensados para durar con que se producía a roupa hai un século e que todos poidamos gozar deste legado.
Instagram: @cumberland_vintage
Facebook: @cumberlandvintage
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- SonRías Baixas publica o cartel por días - 8 Maio, 2026
- ‘Reconversión’, unha premiada viaxe entre memoria familiar e loita obreira - 8 Maio, 2026
- O mellor de Play-Doc en 10 actividades imprescindibles - 29 Abril, 2026
- A Movida súmase á campaña Subscríbete ao galego, que agasalla dominio web e hosting aos novos subscritores - 29 Abril, 2026
- A loita pola información en galego: do ‘Tío Marcos’ a TikTok - 28 Abril, 2026







