Pedro Sancho converte o barco de Alfageme e Coia en plató de cine
O realizador vigués Pedro Sancho está preparando unha nova curtametraxe, a máis “ambiciosa e viguesa” da súa carreira. A producción estará a cargo da tamén viguesa Raquel Figueirido. A rodaxe ten lugar esta fin de semana no barrio de Coia, coa súa escena principal na rotonda do Alfageme. Barco, que por certo, é o punto central de Marusía, que estará protagonizada por Antonio Durán “Morris” e Francisco José Paredes. Acompañámolo na rodaxe e falamos un pouco con el sobre este proxecto e a súa traxectoria.
Como consegues que un actor coa fama de Morris acceda a participar na túa curta, e máis despois do boom de Fariña?
Tíñamos amigos en común, e eu lle pedín o seu número a unha amiga. Morris viñera a ver unha obra de teatro que eu fixera, polo que coñecía algo o meu traballo, aínda que a min non. Un día inviteille a cear, leveille o guión e bueno, tiven que convencelo. Non é fácil de roer Morris (risas).
Comentaches que esta era a primeira vez que pedías unha subvención para unha curta. Déroncha ao final? É este o teu proxecto máis ambicioso?
Non, ao final non. É o máis ambicioso a nivel de producción, porque son tres grandes secuencias, unha delas nun exterior, na rotonda do Alfageme. A nivel de producción cortar a glorieta, que veña Protección Civil, pedir todos os papeis ao Concello, os seguros… nese sentido é sen dúbida o máis ambicioso. Polos medios que estamos a empregar e polo número de persoas no equipo. É como rodar unha película pero en tres días.
Xa que o mencionas, foi sinxelo conseguir que cortasen a glorieta para a curta?
Foi relativamente fácil, porque me puxen en contacto coa Vigo Film Office, que a verdade é que son super majas, e elas dixéronme con quen tiña que falar no Concello. Foi todo bastante fluido aínda que un pouco lento, máis ou menos levounos un mes, pero non puxeron ningún problema, tiñan a vontade de axudarnos.
Súmache presión o feito de que corten unha rúa só para a rodaxe?
Algo de presión si que dá, pero eu o que teño que facer é abstraerme. Teño que pensar que estamos rodando na habitación dun amigo, centrarme na historia e non pensar que estamos montando todo este lío.
Se este proxecto sae adiante e ten boa acollida, gustaríache nun futuro convertilo en longametraxe?
Claro que si, eu creo que esta historia dá para máis dunha curta. De feito xa estou traballando nun tratamento para adaptalo a longa. É unha historia de dous tipos interesantes, dous perdedores, dous homes perdidos. Creo que a súa historia podería durar toda unha noite, porque a trama comezaría sobre as 19h no bar e remataría como ás 6 da mañá na rotonda.
Supón para ti un antes e un despois na túa carreira a compra da túa curta La Madrina por HBO Latino?
A verdade é que non, pero si que noto que me abriu máis portas, a nivel falar con xente e presentar proxectos. A nivel monetario e proxección profesional a verdade é que non notei ningún cambio.
A día de hoxe, ves viable vivir só do cinema? E nun futuro?
A curto prazo non, é complicado, rodar cine é moi moi caro, e a nada que invirtas é moi difícil recuperalo. O de vivir do cine chegaría cando fagamos unha longa, e despois outra, pero iso o vexo a medio prazo. Se todo vai ben, fíxate, sería nuns 10 anos. É como unha carreira de fondo.
Volves a escribir e dirixir unha curta, despois de que en La Madrina o guión fose doutra persoa.
É toda unha aprendizaxe, e eu quero sempre aprender cousas novas. Tiña moitas ganas de dirixir algo escrito por outra persoa, ser director de historias que non son miñas. Propúxenlle ao meu amigo Juanma que fixera un guión que transcurrise nunha voda e catro pautas máis, entón tiven que adaptar visualmente unha historia que non era miña e da que non tiña nin idea. Como xa o fixen, pois volvo a escribir eu, e neste caso apetecíame rodar en exteriores, probar cousas novas. Ir medrando.
A música escollida (Revolutionist da banda viguesa The Soul Jacket) tiña que ser dunha banda local necesariamente ou simplemente baseácheste no puramente musical?
Unha mestura das dúas. Eu xa coñecía aos Soul Jacket, sempre me molaron moito, e ademais son de Vigo. Conseguín o seu número a través dunha amiga en común e non houbo problema.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024