VIALIA
bannerPicnicSesions

Paseo pola guía

Podemos dividir o paseo en tres etapas: a Senda Azul litoral, perfecta para percorrer en familia ou en bicicleta e, se o tempo acompaña, facer unha parada na praia; a ETEA, un ex-complexo militar tan fermoso como descoidado; e a hermida da Guía, que vixía a zona desde o alto do monte. Ao tratarse dun entorno urbano é doado atopar calquera dos puntos que se suxiren na ruta en Google Maps e cada un pode adaptar o número e orde de paradas ás ganas que teña de ir mirando o mapa ou subir costas. 

Chegando ao barrio da Guía desde o centro da cidade, podemos incorporarnos á Senda Azul a altura da Praia da Lagoa, un pequeno areal tomado polas barcas e o porto deportivo, situado a poucos metros, que a fan nada apetecible para o baño. A senda é facilmente recoñecible polas súas lousas marróns e a varanda de madeira. Comezaremos a camiñar deixando a cidade ás nosas costas e pronto teremos a oportunidade de coller unhas empinadas escaleiras a man esquerda que rematan nunha sucesión de pequenas calas frecuentadas por nudistas nos meses de verán. Se optamos por non baixar e continuamos uns metros, chegaremos ao faro, o primeiro punto no que paga a pena deterse a coller folgos ou beber na fonte. A man esquerda, un dos mellores balcóns á ría da cidade, cunha panorámica coas Illas Cíes de fondo ata a ponte de Rande, co só rotar o pescozo. A man dereita, o Faro da Guía, un cilindro de baldosas brancas construído en 1914. Este farol releva un anterior, construído en 1844, o primeiro da ría de Vigo e un dos primeiros faros en erixirse en Galicia; despois da Torre de Hércules, claro.

REVISTA ABRIL

Retomada a marcha, deixaremos á dereita o campo de futbol e xiraremos á esquerda para continuar pola Senda Azul ata chegar á Praia da Punta, a máis grande da costa de Teis. Este areal conta con Bandeira Azul e socorrista, pero o máis interesante é probablemente a presenza de mariscadoras que, con marea baixa, peitean a beira do bar con grandes restrelos na procura de croques e ameixas.

Despois do baño, á altura do espigón estreito que hai na punta sinalando á ponte de Rande, poderemos seguir de frente, cara a ETEA, ou xirar á dereita para subir á hermida. A primeira opción continúa pola senda litoral cos guindastres dos asteleiros na fronte, ata o impoñente complexo de edificios abandonados da Escola de Transmisións e Electricidade da Armada, que o exército utilizou ata principios de século e hoxe en día é pasto das silvas ao longo e ancho de máis de 100.000 metros cadrados. Aos edificios, en notable estado de deterioro e con nomes como Kelvin, Hertz, Ampere, Siemens, Faraday, ou Churruca súmanse tres búnkers, dos que se poden apreciar as portas na ladeira da montaña e que Diego Moreira, montañeiro e divulgador, ensina na súa canle de Youtube.

Se aínda nos quedan folgos, a Hermida de Nosa Señora da Guía nos espera no cumio do monte co mesmo nome. Para chegar ata ela, deberemos desfacer os nosos pasos ata o pequeno espigón e coller a verea ascendente para chegar á capela logo de 1 quilómetro e medio. Á chegada atoparemos unha pequena igrexa, deseñada por Gómez Román e construída sobre outra do século XVI. O templo está pechado e o interese de subir ata aquí reside nas vistas sobre a ría e os xardíns arredor da igrexa. Para descender, podemos tomar o viacrucis e baixar ata o punto no que comezamos o noso paseo.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.