CAMELIAS MASCOTAS

Para as almas intrépidas, ciclo de cine de montaña

O club Montañeiros Celtas acolle o Menditour, un ciclo de cine de montaña con algúns dos mellores filmes do prestixioso festival Bilbao Mendi Film. As películas serán proxectadas este xoves e venres no Centro de Interpretación das Illas Atlánticas no Casco Vello.

A montaña é o eixo central do Menditour, o ciclo de cine que esta semana se celebra en Vigo. O Club Montañeiros Celtas é o encargado de organizar estas proxeccións dirixidas a aquelas almas intrépidas que aman os deportes de montaña e tamén aquelas outras que senten fascinación pola montaña, aínda que non sexan tan aventureiras. O ciclo de cine terá lugar no Centro de Interpretación Illas Atlánticas o xoves e o venres a partir das oito da tarde. O acceso e libre ata completar aforo.

Os filmes que se proxectarán están entre os máis galardoados e aplaudidos da última edición do coñecido festival de cine de montaña Bilbao Mendi Film Festival. O xoves proxectaranse ‘Aurrera’, ‘Safety Third’ e ‘Mountain’. O venres ‘Apex predators of the Northern Deep’, ‘The Last Honey Hunter’, ‘The Frozen Road’ e ‘Mama’

AURRERA

2017, España, 7min

Director: Mikel Peña

Irene ten 68 anos e leva máis de 40 correndo. Comezou polo monte cando aínda este tipo de carreiras non eran coñecidas. Dende entón ten participado en moitas delas. A pesar da súa avanzada idade e mentres as forzas lle sigan aguantando, non deixará de correr polo monte.

 

Safety Third

2016, EEUU, 28min

Directores: Cedar Wright y Taylor Keating

Brad Gobright é un mozo de 27 anos axudante de camareiro nun restaurante. A súa dieta consiste en donuts, restos do traballo, cruasáns, torta de mazá e toda a comida lixo que atopa. Pero hai algo máis: Gobright é un dos mellores e máis audaces escaladores libres, de quen ninguén ten ouvido falar. Safety Third amosa a Gobright, quen soamente pensa na súa próxima escalada.

Mountain

2017, Australia, 73 min

Directora: Jennifer Peedom

Fai só tres séculos, a idea de escalar unha montaña tería sido considerada unha tolemia. As montañas eran lugares de perigo, sen beleza algunha, un mundo superior a ser evitado. Por que hoxe en día atráennos ata o punto de custarnos a vida? Mountain explora a turbulenta e triunfante historia da nosa eterna fascinación coas montañas.

Apex predators of the Northern Deep

2017, USA, 5min

Director: Ben Sturgulewski

Un día tranquilo de pesca no xeo pode torcerse repentinamente. Algo se agocha nas profundidades das grandes montañas solitarias do Norte, unha terra onde se non es un depredador, serás présa. Pero o esquiador desta historia non se virá abaixo sen antes pelexar.

The Last Honey Hunter

2017, EEUU, 35min

Director: Ben Knight

O pobo Kulung practica una antiga forma de animismo estruturada arredor do deus Rongkemi. Mauli Dhan Rai cre ter sido o escollido dos deuses para o rito da colleita da mel. A tarefa, consiste en escalar escarpados acantilados para coller mel da abella máis grande do mundo, é extremadamente perigosa. Pero trátase dunha procura espiritual baseada no mito de que Kulung está protexido directamente polos deuses. E pode que non dure moito tempo.

The Frozen Road

2016, Reino Unido, 24min

Director: Ben Page

Tras ler a frase de Jack London “calquera home que sexa home pode viaxar só”, Ben buscou a aventura da soidade perfecta a realizar unha travesía en bicicleta polo Ártico Canadense no inverno. Non obstante, a crúa realidade da viaxe está moi lonxe do romanticismo de London.

Mama

REVISTA NOVEMBRO

2017, Polonia, 44min

Director: Wojtek Kozakiewicz

Unha escaladora deportiva, nai de dous fillos, despois de 20 anos de vivir a súa paixón márcase un novo obxectivo: escalar a ruta que ningunha muller conseguiu antes. Unha historia sobre Kinga Ociepka-Grzegulska, unha das figuras máis importantes das derradeiras dúas décadas da escalada deportiva polaca.

(GMT+01:00) Centro de Visitantes do Parque Nacional Illas Atlántilas

(GMT+01:00) Centro de Visitantes do Parque Nacional Illas Atlántilas