REVISTA ABRIL

Papayan, dúas boas pezas

Amigas desde hai máis de dez anos, Mara Pereira e Estela Rodríguez compaxinan os seus respectivos traballos en educación e interiorismo co labor conxunto da marca de bikinis que teñen de seu: Papayan.

Grazas á axuda do seu círculo de amigas, crearon este proxecto desde cero: da web ao deseño e o estampado das teas, contando cun orzamento moi limitado e de xeito totalmente autodidacta. Inspirándose na dozura da papaia, a marca cobrou vida como unha aventura na que Mara, valéndose duns poucos aforros, decidiu emprender un negocio cunha idea clara: facer bikinis sostibles con aire atlántico e fabricados en España. Tras os primeiros anos cheos de esforzo, foi en 2021 cando Estela se sumou ao proxecto para montar un taller en Vigo, no que ambas poden supervisar o proceso día a día e estar presentes en todas as partes.

REVISTA ABRIL

Papayan fomenta a filosofía de gozar do que nos dá a natureza, do amor polo noso planeta con respecto polo medio ambiente. Por iso os tecidos da marca son de poliamida e poliéster reciclado, fabricados a partir de restos de plásticos recollidos do mar. Estas emprendedoras producen todas as coleccións de forma ética e local, promovendo a slow fashion e atendendo á necesidade de encher o mercado de bikinis exclusivos e versátiles, que duren varios veráns e que sexan orixinais, cómodos e para todo tipo de corpos. E, grazas á responsable que asumen na moda, xa teñen un oco no mercado internacional! A produción de cada deseño é limitada, así que resulta case imposible que dúas mulleres se crucen na praia co mesmo modelo. Ademais, moitas das pezas poden atarse en diferentes posicións, para que o traxe de baño pareza novo cada vez que se pon.

Se aínda non tes o teu bikini para este verán, non dubides en visitar a web papayan.es para escoller: talvez che guste o deseño «Terra», en rosa ou cheo de margaridas; quizais o teu sexa a cor vermella do modelo «Serea» ou se cadra te podes atrever a anoar o traxe de baño «Cabo». Inviste este ano nun bikini made in Rías Baixas, que che vai durar moitos veráns, contribuíndo así á limpeza das praias. Goza da actitude fresca de Papayan: area, sal sol… e moita cor.

Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.