REVISTA ABRIL

Pablo Novoa: «O reguetón acabará por dignificarse»

Coñecémolo nos oitenta con Golpes Bajos e vímolo anos despois formando parte La Marabunta. Músico instrumentista, produtor, director musical do Xabarín Club (TVG)… Sen ter un rostro famosísimo, Pablo Novoa Cid (Vigo, 1961) é un dos músicos máis salientables da historia da nosa música  que se soubo manter en activo durante todo este tempo. Despois de seis anos como guitarrista e director artístico da banda de Late Motiv (Movistar+), de Andreu Buenafuente, encara novos proxectos. O talento e a humildade son ingredientes dun éxito ben merecido.

Pablo Novoa no Teatro Afundación en 2018 | A. Sotelo

Seica empezaches a tocar sendo un neno, coa guitarra de teu irmán máis vello

Empecei medio de broma. Meu irmán ten dez anos máis ca min e el xa andaba metido no da música. Eu tiña unha guitarra eléctrica de xoguete que me trouxeran os Reis Magos e el ensinoume os primeiros acordes na guitarra española; sen darme de conta, cheguei aos 13 anos sabendo tocar bastantes cancións dos Beatles e dos Rolling Stones.

Como músico que formou parte da denominada Movida viguesa, que pensas que se deu para toda aquela explosión dos oitenta?

Hai moitos ingredientes. Un deles foi o azar, pero tamén aconteceron cousas que podemos pensar que tiveron que ver. Unha foi o fin da ditadura e a chegada da democracia a España. A finais dos setenta chegou de Inglaterra o punk, e rapaces de todo o estado identificáronse con aquel sentir crítico coa sociedade. En Vigo, ademais, estabamos sufrindo unha crise terrible coa reconversión do sector naval. Por outra banda, como cidade portuaria, recibimos moita información musical de América, e en Galicia había moitísimas orquestras, moita xente que sabía tocar un instrumento, aínda que non existisen escolas de música. Todos eses ingredientes provocaron que en Vigo se dese un estalido moi significativo na música.

No 83 entras a formar parte da banda Golpes Bajos, que axiña acadou grande éxito. Como foi todo aquilo?

Teo Cardalda e mais eu acompañabamos nos escenarios a Bibiano Morón, un cantautor moi ligado ao Partido Comunista. Pola relación con Teo, coñecín a Germán Coppini; eles xa empezaran coa banda e vían que a base musical que tiñan estaba gustando. Tratando de facer algo interesante, supoño, e empecei a tocar con eles. Fixemos unha maqueta e partir de aí as cousas foron rodadas. Quedamos moi sorprendidos, pois logo de enviarmos tres ou catro maquetas a Madrid, empezaron a dicir que eramos un grupo moi interesante, que era moi fresco. Enseguida nos chamaron do selo Nuevos Medios para gravar un disco e saímos en La edad de oro (TVE). Ese verán aínda foi algo tranquilo, pero a partir do outono a cousa acelerouse moitísimo; comezamos a encher concertos, o primeiro mini-LP soaba en toda España… En poucos meses pasamos a ser unha das bandas que encabezaban os carteis de toda a Movida.

E con todo ese éxito, como é que o percorrido do cuarteto foi tan curto?

Gozamos daquela situación, de ver que a xente dixese que tiñamos un proxecto moi orixinal e que tocabamos moi ben, e aquilo prestábanos. Pero a industria móvese a moita velocidade e pedíannos facer outro LP, vídeos, ir dun lugar a outro… Penso que nos sentimos un pouco espremidos.  Estabamos exhaustos e axiña empezaron os roces.  Teo e Germán decidiron que cada un podía facer cousas pola súa conta, que cada un colleu un camiño e o grupo morreu co convencemento de que cada un deles podía levar a cabo un proxecto diferente e así foi, pero penso que faltou a riqueza musical o equilibrio que tiña o cuarteto.

Cardalda e Coppini volvéronse reunir en en 1998 como Golpes Bajos, pero non contaron contigo nin con Luis

Penso que na carreira por separado foille mellor a Teo que a Germán, quizais porque non atopou outra persoa coa que entenderse na tan ben, talvez o botase en falta… Daquela a industria apostaba moito pola reunión de vellos grupos e penso que o intentaron con eles. Pero nin a Luis García nin a min nos pareceu ético que empregasen o nome sen consultarnos e enfadámonos. Ademais eu escoitei o disco e houbo cousas que non me gustaron e aí houbo unha ruptura. Logo, co paso do tempo, a cousa foise recuperando. De feito, antes de que tristemente morrese, eu tiña un proxecto con Germán que consistía en recuperar certas cousas de Golpes Bajos para facer unha versión moi contemporánea dalgunhas pezas.

No seu día, parece que había que ser de Golpes Bajos ou de Siniestro Total, coma dos Beatles ou dos Rolling Stones, que había que elixir bando. Como era a relación entre os dous grupos?

Hoxe en día, os grupos tenden a levarse ben e paréceme o máis lóxico, pois aprendes moito dos compañeiros, pero daquela resultaba moi punkie estar cada un na súa leira e non entrar na do outro. No caso de Siniestro Total e Golpes Bajos era máis acentuada esa rivalidade, porque en Siniestro sentiu como unha traizón a marcha de Germán e tiveron que reestruturar a banda. Ademais, como musicalmente estaban noutro sitio, tiraban daquela retranca marabillosa para lanzarnos dardos e facer críticas sobre nós. Pero o certo é que Alberto Torrado e mais eu tiñamos moita amizade. De feito, eu empresteille o baixo para gravar o primeiro LP de Siniestro. Ningún dos dous quería xogar aquel papel de inimigos, talvez é que eramos un chisco máis maduros.

Pablo Novoa con Golpes Bajos na década dos oitenta | Víctor de las Heras

Traballaches con artistas tan diversos como Josele Santiago, Julieta Venegas,  Ketama, Los Ronaldos, Nacho Mastretta… Considéraste versátil?

Gústame toda a música. Sempre levei a humildade como actitude ante o traballo, pero sendo moi ambicioso. É dicir, querer facer música moi boa e poder chegar a emocionar a quen me escoite como me pasou a min cos grandes, pero saber que para iso tes moito que aprender. Para iso, a mellor ferramenta son os compañeiros e as diferentes músicas que existen. Tiven a sorte de estar en proxectos moi diferentes. Tanto me ten tocar o piano con Iván Ferreiro que unha peza de jazz á guitarra con Jerry González.

Estando en tantos proxectos grandes, como é que nunca estiveches á fronte?

Todo o mundo ten o seu ego, e penso que iso é importante neste negocio. Un non sobe a un escenario se non o ten. Con 18 ou 20 anos pensas que ser o líder e captar a atención da xente é moi chulo, pero co tempo decátaste de cal é o papel que che corresponde. O ego está cuberto cando fas as cousas ben e tes o apoio dos compañeiros.

Non foi ata o ano 2003 cando vimos  un traballo teu en solitario, Novoa cruza el Atlántico. E por que non antes?

A min gústame andar metido en proxectos e se algo me parece interesante, métome aí. Non teño ningunha présa por sacar proxectos propios, vounos facendo simplemente por pracer. Saquei ese disco e fixen unha serie de concertos, pero xa se sabe que a música instrumental non é algo mainstream por aquí. Logo ocorréuseme buscar outro guitarrista, pero quería algo completamente diferente ao que facía eu en solitario, así foi como e cheguei a Nono García, con quen publiquei Radio pesquera no 2014. Agora ando ás voltas co meu terceiro disco, que é unha historia que iniciei antes da pandemia. Vivindo en Madrid, souben de que a partir das seis da tarde a entrada ao Museo do Prado é gratuíta, entón empecei a ir para ver cadros no tempo libre. A música instrumental é moi abstracta, pero se a concretas cunha imaxe ou cunha secuencia, axúdache a levala ao rego; tiven unha revelación con algún destes cadros.

No 2018 traballas con Iván Ferreiro no álbum tributo a Golpes Bajos, Cena recalantada. Como é autohomenaxearse?

Ese é o disco máis difícil do mundo. Para min o importante era manter a esencia do grupo, pero tampouco podíamos deixar todo completamente igual, pero cantado por Iván, porque iso sería un capricho sen percorrido artístico. Había cousas que non debiamos tocar por respecto á memoria do grupo, pero tiñamos que darlle certa contemporaneidade para outorgar un valor. O máis difícil foi equilibrar todo iso: decidir que facer e que non.

Que pensas que opinaría Germán Coppini?

Coñecendo a Germán, penso que el diría que o disco quedou moi bonito, pero que eu fun un pouco cagón ao non arriscar máis.

REVISTA ABRIL

Que é o que máis te chama a atención do que se está a facer na música de hoxe en día?

Hai un par de terreos que me interesan, e un deles é o mundo do reguetón. Pertenzo a unha xeración de músicos que é moi crítica co reguetón con este xénero, pero eu non estou de acordo. Hai moito reguetónque non me interesa e que me parece simple, pero como outras músicas de raíz, o reguetón naceu en barrios pobres e aldeas. Co tempo, esas cousas acábanse dignificando, porque os músicos asúmenas como propias. Pasou con outros xéneros coma o blues oua rumba. Hoxe en día hai propostas moi interesantes, como Tremanda Jauría,con esa mestura de reguetón, cumbia e electrónica. Outro campo que me interesa é a tendencia que se está a dar agora mesmo, en Galicia e noutros lugares, da música tradicional combinada, con moitísimo respecto e coñecemento, con novas músicas, coa tecnoloxía, con sintetizadores, caixas de ritmos… Tanxugueiras fixéronse famosas por Eurovisión, pero o ese valor xa estaba aí antes. Por exemplo, nos proxectos de Midas. Tamén no que fai Baiuca. E Rosalía no disco anterior. O flamenco do Niño de Elche.Ou no que fan Café Tacva e Natalia Lafourcade desde México. Hai moitas cousas interesantes.

Tamara Novoa
Editora

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.