Óscar Rivas (Morrasound): ‘É inviable facer un festival con tan pouco tempo e tanta incerteza’
Hai catro anos que o Morrasound Rock Fest colleu o testigo do Festichan para convertir o Miradoiro da Fontenla no idílico escenario dunha fin de semana dedicada á música rock, os espectáculos infantís e a comunidade cos negocios locais. O 20 de xuño estaría celebrando a súa quinta edición, que se viu truncada pola incerteza provocada pola alerta sanitaria e a escaseza de medidas concretas que os distintos gobernos están a ofrecer a este tipo de eventos. Óscar Rivas é o presidente da Asociación cultural Fontenla e o encargado da contratación das bandas para o festival.
Hai dous días anunciastes a cancelación do Morrasound 2020. Como foi a decisión?
Foi dura a pesar de que xa o esperábamos. Estamos bastante indignados e tamén confusos, xa que o gran problema é que non hai unha orde oficial de cancelar este tipo de eventos. Ninguén nolo prohibe. Levamos todas estas semanas mantendo conversas coa Deputación e o Agadic e démonos conta de que eles están a expensas do que fagamos nós.
Para que che fagas unha idea do confuso das ordes, nós temos os permisos firmados para o uso da localización, pero seguimos sen ter directrices claras sobre a parcelación do recinto ou se é obrigatorio poñer cadeiras. É inviable facer un festival con tan pouco tempo e tanta incerteza.
Tivestes algún problema polo feito de cancelar os contratos coas bandas de xeito unilateral?
Non. Todos os implicados están bastante sensibilizados coa situación. O sentimento é de estar todos no mesmo barco. Ademais, tanto nós como os festivais cos que temos relación, estamos procurando manter o cartel para o ano que vén.
Plantexástevos pasar parte dos contidos ao dixital, como alternativa ao encontro físico?
A verdade é que non. Aquí na zona hai equipos como o do SonRías que si o están facendo, na miña opinión con bastante calidade, pero nós, como asociación, non temos os medios nin a necesidade de facelo. Tamén é verdade que, persoalmente, non me chama a atención.
Tedes previsto levar a cabo algunha outra acción cultural, quizais de menos envergadura?
Ademais do Morrasound, nós traballamos habitualmente co Concello de Moaña, organizando outros eventos. Agora mesmo non temos certeza de nada, pero si hai algunhas propostas sobre a mesa para organizar eventos pequenos no pobo que requiran de menos tempo de preparación e sexan viables con aforos reducidos.
Cres que esta crise traerá consecuencias a longo prazo para o sector musical e os festivais?
Levamos aventurando tantas cousas desde que comezou a pandemia que non me atrevo a dicir como será o futuro. Si teño a esperanza en que isto quede atrás e poidamos volver a vivir como o facíamos antes. Este verán xa poderemos asistir a concertos co público sentado e pouco a pouco retomaremos a normalidade. Creo que todos os festivais que pospuxemos para o ano que vén traballamos nesa premisa.
Nos últimos anos asistimos a un crecemento no número de festivais en Galicia, aumentou tamén a súa calidade?
Si, posto que hai un aumento tamén na especialización de quen os crea, persoas que teñen interese en ofrecer algo único e coida moito dos seus eventos. De tódolos xeitos, a música en directo non acaba despois do verán e os festivais. Ver un concerto en sala é un espectáculo diferente, no que as bandas levan os seus propios técnicos e espectáculos máis redondos. Son xeitos diferentes e compatibles de desfrutar da música en directo.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024