Os versos de Ledicia Costas protagonistas do valo publicitario de Pereira
Uns versos da recoñecida escritora viguesa Ledicia Costas serán os encargados de protagonizar o valo publicitario de Pereira Productos del Mar, un cartel que xa vén sendo tradición desde hai 7 anos.
“Neste mar navegan os barcos das nosas vidas”. Esta frase, obra da escritora viguesa Ledicia Costas, acompañará a unha fermosa imaxe dunha rapaza no mar coas Cíes de fondo no novo valo publicitario da empresa Pereira Productos del Mar, visible na Avenida de Beiramar desde hoxe.
Desde Pereira pedíronlle á galardoada escritora que crease tres frases que representasen a imaxe e valores da empresa, e ela presentou as seguintes: “Navegamos lonxe, mais sempre pensamos en ti”, “Todo o que somos navega” e a xa mencionada “Neste mar navegan os barcos das nosas vidas”, que finalmente foi a gañadora grazas aos votos dos seguidores da marca a través das redes sociais. Ledicia recoñeceu que en realidade presentou oito propostas, aínda que a selección final quedou en tres.
Ruy Andrade, Director de Comunicación de Pereira, confesou que elixiron a Ledicia por facer unha referencia ao valo publicitario da súa empresa no seu último libro, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, ademais de por ser unha recoñecedísima escritora tanto a nivel local como nacional.
Para Costas a chegada deste valo cada decembro é un evento sinalado, sempre cuberto por inspiradoras frases como “Estamos en la bahía de Vigo y solo de usted depende que pueda conocer sus secretos” (2017), “A maxia de saber amar” (2016), “Cada palada cuenta” (2015), “Este mar nos ha llevado al mundo” (2014), “Un mar de sabores” (2013) e “No importa el frío, no se nos congelará el corazón” (2012).
O acto de presentación tivo lugar no barco da Armadora Pereira “Argos Pereira”, no peirao do Porto de Vigo. Alí, a autora viguesa leu o comezo da súa última novela, na que sae mencionado o valo do que agora ela será protagonista ata decembro do 2019.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024