CAMELIAS MASCOTAS

Os Premios Martín Códax da música galega celebran dez anos

Esta mañá presentouse en Santiago de Compostela a décima edición dos premios da música galega, Martín Códax. A gala terá lugar o 7 de xuño en Pontevedra e os artistas poderán inscribirse entre o 13 de marzo e o 2 de abril.

Imaxe da gala dos Premios Martín Códax en 2022

Os Premios Martín Códax da Música fan dez anos da man da asociación Músicas ao Vivo e abren a súa convocatoria 2023 a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo durante este último ano. O proceso de inscrición de proxectos estará aberto desde o 13 de marzo ao 2 de abril a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal.

A gala de entrega de entrega dos premios terá lugar o vindeiro 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra e estará inspirada no proceso de elaboración do viño en relación aos procesos de composición e produción de música. Será a primeira gala organizada pola nova directiva de Músicas ao Vivo formada por Sheila Patricia, Xavier Castro, Patty Castro, Tomás Díez, Silvia Penide e Pablo Lesuit. Desde a organización definen os premios como unha vía para “visibilizar a creatividade musical de artistas e bandas de Galicia e o potencial da música como sector estratéxico”.

REVISTA NOVEMBRO

Os Premios Martín Códax da Música 2023 volven as súas datas habituais prepandemia e integran quince categorías musicais; estas son: Pop e Indie; Rock e Punk; Blues, Funk e Soul; Metal e Heavy; Canción de Autor/a; Músicas Urbanas; Músicas do Mundo e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional; Música Folk; Música Infantil; Orquestras, Grupos e Música de Verbena; e Bandas de Música Popular.

Ademais repártense tres premios Organistrum, un galardón honorífico e, por segundo ano, outro ao mellor proxecto de Artista Emerxente.  Os premios Organistrum destacan anualmente unha sala, un festival e un espazo de comunicación musical e a mención honorífica a toda una carreira artística ou traxectoria profesional que teña sido un referente para o resto de músicos en Galicia.

Tras o peche das inscricións o 2 de abril, un xurado profesional encárgase de valorar e puntuar os proxectos coa selección de tres finalistas por categoría; son as socias e socios de Músicas ao Vivo quen votan na seguinte fase. Toda a información e as bases dos premios poden consultarse na web do certame.