REVISTA ABRIL

Os premios de música Martín Códax quentan motores

Os premios de música Martín Códax inician a súa oitava edición o luns 23 de agosto con 17 categorías convocadas, tres premios Organistrum e un galardón honorífico a toda unha traxectoria co fin de recoñecer e impulsar unha vez máis a produción musical galega na gala do 27 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

REVISTA ABRIL

Os Premios Martín Códax levan desde 2013 promovendo a visibilidade e o recoñecemento da diversidade e a calidade artística das producións musicais dentro do sector galego en compaña da organización Músicas ao Vivo. O luns 23 de agosto arranca a oitava edición con 17 categorías convocadas a través das que se porá o foco nos 51 proxectos que pasen á fase final. Esta nova edición tamén inclúe tres premios Organistrum, un galardón honorífico a toda unha traxectoria e un premio extraordinario ás salas e aos festivais galegos en apoio polas dificultades que atravesan por mor da situación sanitaria actual.

As dezasete categorías musicais premiadas nas que os musicos se poderán inscribir a partir do luns son: Pop e Indie, Rock, Blues, Funk e Soul, Metal, Canción de Autor/a, Músicas Urbanas, Reggae, Ska e Mestizaxe, Electrónica, Música Clásica e Contemporánea, Jazz e Músicas Improvisadas, Música Tradicional, Música Folk, Músicas do Mundo, Música Infantil, Orquestras, Grupos e Música de Verbena, Coros e Grupos Vocais e Bandas de Música Popular. A inscrición é libre e de balde, e pechará a inicios de setembro, o domingo día 5.

Unha vez finalizado o periodo de inscrición, un xurado profesional formado por tres representantes do
ámbito da comunicación, da formación musical e da industria e dúas músicas/os seleccionará os finalistas do 13 de setembro ao 2 de outubro, e xa nunha segunda quenda de votacións serán os propios socios de Músicas ao Vivo os encargados de decidir os premiados desta oitava edición entre o 11 e o 24 de outubro. A oita edición culminará nunha gala de entrega o 27 de outubro de 2021 no Pazo da Cultura de Pontevedra.