CASAACUNHA

Os Premios Martín Códax da Música abren o período de inscrición

Desde o luns 11 de xullo artistas e bandas están convidadas a participar na 9ª edición dos Premios Martín Códax da Música. A convocatoria vai dirixida a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo no ano 2022, agás os que xa foran premiados na anterior edición dos galardóns. O modo de inscribirse é a través da páxina web ata o 31 de xullo.

Banner A Movidiña
Foto da gala da pasada edición, en Pontevedra | Premios Martín Códax

Ábrese o prazo ata o 31 de xullo para as dezaseis categorías musicais, unha menos que o pasado ano ao fusionar “Músicas do Mundo” e “Reggae, Ska, Mestizaxe” nunha soa. As categorías musicais son as seguintes: Pop e Indie, Rock Blues, Funk e Soul, Metal, Canción de Autor/a, Músicas Urbanas, Músicas do Mundo e Mestizaxe Electrónica, Música Clásica e Contemporánea, Jazz e Músicas Improvisadas, Música Tradicional, Música Folk, Música Infantil, Orquestras, Grupos e Música de Verbena, Coros e Grupos Vocais, e Bandas de Música Popular. Unha vez peche esta primeira fase de inscrición, a votación do xurado profesional, formado por tres representantes da comunicación, da formación e da industria respectivamente e dúas músicas/os, será do 8 de agosto ao 3 de setembro, e a rolda dos socios/as de Músicas ao Vivo, do 15 de setembro ao 2 de outubro.

Os proxectos deben inscribirse nunha soa categoría musical, se ben esta inscrición é compatible coa participación nas dúas novas categoría extraordinarias desta novena edición: Artista do Ano e Artista Emerxente. Coa de Artista do Ano, o obxectivo é abrir o certame á participación do público xeral e incidir na expansión de proxectos e carreiras musicais. Os requisitos para poder participar nesta categoría son ter editado algún album ou EP nos anos 2021 ou 2022, e ter realizado concertos ao vivo, tamén nese periodo de tempo. A votación abrirase ao público a través da web entre o 15 de setembro e o 2 de outubro. No caso da categoría de Artista Emerxente, será un xurado profesional quen a valore. Os requisitos? Non levar máis de tres anos en activo, ter algún disco (EP ou álbum) editado, e non ser proxecto premiado ou finalista en edicións anteriores dos Premios Martín Códax da Música.

Os Premios Organistrum recuperan o seu procedemento habitual tras a pandemia e para estes tres galardóns: medios de comunicación, salas e festivais, tamén se abre en 2022 o proceso de inscrición. A gala dos premios terá lugar o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra; tres semana antes, o 14 de setembro, daranse a coñecer os proxectos seleccionados na festa de finalistas. Músicas ao Vivo agradece o apoio “imprescindible” dos patrocinadores dos Martín Códax da Música, “unha plataforma onde crear entre todas e todos novas oportunidades de expandir música e artistas da nosa terra tanto dentro como fora de Galicia”.