CAMELIAS MASCOTAS

Os festivais sacan a máscara

Foto: P. Vázquez

Un síntoma de que as cousas están volvendo pouco a pouco ao rego é o número de festivais de música que temos este verán en Galicia. Se ben moitos deles aínda están bastante lonxe de ser o que eran antes da pandemia, xa miran cara ao futuro. A cultura, a música en directo neste caso, ten que reconquistar o que lle pertence e mesmo rexurdir con máis forza deste pozo que é a crise provocada pola COVID-19. Cantaba John Lennon que vivir é fácil cos ollos pechados; aquí deixamos seis festivais aos que acudir con fe cega, orellas abertas… e nariz e boca cubertos.

Morrasound Rock Fest

O 2 de xullo no Parque de Samertolameu de Meira e o 3 de xullo no Miradoiro da Fontenla de Domaio (Moaña)

Se algo caracteriza ao festival moañés, é a fidelidade que lle ten ao xénero que leva no nome desde a primeira edición, en 2016. Os responsables deste oasis roqueiro son os membros da asociación cultural Fontenla, que leva o nome do fermoso miradoiro onde se celebra o evento, unha paraxe ao pé da ponte de Rande que ofrece unha vista única da nosa ría. Tras unha primeira xornada no parque Samertolameu da parroquia de Meira, o sábado 3 chega o día grande no devandito miradoiro da Fontenla da parroquia de Domaio, coas actuacións de Los Enemigos, Immaculate Fools, Bala, Anarchicks e The Broke, ademais dos espectáculos de artes escénicas das compañías Cirkomapcto e AsacocircO.

O Son do Camiño: Perseidas

Do 14 de xullo ao 8 de agosto, no Monte do Gozo (Santiago de Compostela)

Un dos eventos musicais máis grandes de Galicia, aínda sen poder desplegar todo o seu potencial, non quere perder a particular cita festivaleira deste ano. Baixo o nome de «Perseidas», esta edición do festival compostelán propón un ciclo de 11 xornadas musicais no Monte do Gozo, cunha variada carteleira de 18 artistas: veteranos como Raphael ou Loquillo, xente nova como Furious Monkey House ou Maren, e pesos pesados a nivel estatal do talle de Estopa, Rozalén, Vetusta Morla ou Xoel López. Pablo Lesuit será o embaixador de Vigo nun evento que mantén o nivel á espera de que a situación sanitaria lle permita volver pola porta grande.

Vive Nigrán

Do 15 ao 17 de xullo, no Campo de fútbol de Lourido (Nigrán)

Un dos poucos festivais que sobreviviu durante o ano pasado foi o nigranés, que este ano volve ao seu emprazamento orixinal: o campo de fútbol de Lourido, un espazo de gran beleza situado á beira de Praia América, coas illas Cíes como tapiz. O evento aposta pola variedade e polos artistas novos de gran proxección: Locoplaya, Verto, Walls, Natalia Lacunza, Ginebras, Mounqup… e tamén hai un oco para bandas ben asentadas: Sidecars e Shinova. Todo isto conforma un cartel ecléctico para un festival que non deixa de medrar cada ano a pesar das dificultades. Como noutras edicións, haberá actividades paralelas orientadas ao público familiar.

Festival Sinsal Son Estrella Galicia

Do 23 ao 25 de xullo, na Illa de San Simón (Redondela)

Esta nova edición do festival máis especial da contorna preséntase como «Unha edición Esencial», pois trátase dunha volta ao celme do evento: tres xornadas de música por descubrir no espazo singular da Illa de San Simón, nunha cita en que a natureza, as músicas contemporáneas e as viaxes en barco volven a ser protagonistas dun acontecemento evento único que, como vén sendo costume, non desvela os nomes do cartel ata o desembarco na illa. A filosofía deste evento está moi ben valorada polo público que agradece unha programación tan coidada e diferente, esgotando os abonos durante todas as edicións. esgotando os abonos durante todas as edicións un público que agradece unha programación tan coidada e diferente. A sostibilidade e o respecto polo medio ambiente son outras das máximas do evento estrela da promotora Sinsalaudio.

SonRías Baixas

Do 3 ao 8 de agosto (Bueu)

O festival que leva o nome das nosas rías é outro dos que mudaron de formato, ofrecendo case unha semana de concertos en diferentes lugares de Bueu. Este cambio afecta á cantidade, pero non á calidade da proposta, que volve contar con nomes de primeiro nivel como Ciudad Jara, Kase.O, La M.O.D.A. ou La Pegatina. A denominación de orixe do país queda patente nas actuacións de Sabela, Sés e Sondarúa. Ademais de boa música, a gastronomía e a praia complementan o atractivo desta cita que se vén convocando desde hai case dúas décadas.

The Wild Fest

4 e 5 de setembro, no Parque Forestal de San Miguel de Oia (Vigo)

Malia as consabidas restricións, este festival de nome silvestre triunfou o ano pasado, nunha proposta de música, cinema ao aire libre, gastronomía, mercado e sostibilidade nun espazo acolledor que seduciu centos de persoas. Nesta terceira edición búscase repetir o éxito, entre outras cousas, cunha oferta musical de moitos quilates: Los Zigarros, Familia Caamagno, Stoned at Pompeii, Thee Blind Crows, Susana Seivane Trío, Enxeito e Zeltia Irevire. Tamén se retoma a carreira de obstáculos propia do evento, que incrementa a variedade de opcións que ofrece este festival na natureza.

Morrasound Rock Fest (2-3 de xullo, Moaña)

Atlantic Fest (12-23 de xullo, Vilagarcía de Arousa)

O Son do Camiño: Perseidas (14 de xullo-8 de agosto, Santiago de Compostela)

Vive Nigrán (15-17 de xullo, Nigrán)

17º Ribeira Sacra Festival (16-18 de xullo, Ribeira Sacra)

Festival Sinsal Son Estrella Galicia (23-25 de xullo, Illa de San Simón)

Mar de Blues (23-24 de xullo, A Guarda)

SonRías Baixas (3-8 de agosto, Bueu)

Morriña Fest (19-29 de agosto, Culleredo)

REVISTA NOVEMBRO

Barbeira SeaSon Fest (28-29 de agosto, Baiona)

The Wild Fest (4-5 de setembro, Vigo)

Foto: U. Soliño

Pablo Vázquez
Redactor e fotógrafo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.