Os deportes náuticos terán o seu primeiro Congreso do Mar en Vigo
O Real Club Náutico organiza a primeira edición do Congreso do Mar que terá lugar o 26 e o 27 de xuño e busca converter a Vigo na “capital internacional da economía azul”, atraendo talento, investimento, turismo deportivo e visibilidade internacional.

Vigo acollerá os días 26 e 27 de xuño a primeira edición do Congreso do Mar. Unha iniciativa do Real Club Náutico que aunará deporte, sustentabilidade, ocio e innovación e incluirase dentro dunha serie de actividades que organizará o club as dúas últimas semanas de xuño. Este congreso “poñerá o foco non só nos deportes do mar, senón tamén na industria náutica e na economía, no emprendemento e na innovación, e na sustentabilidade e inclusión”, incidiu o presidente do club, Antonio Pérez, tras destacar a necesidade de “impulsar a relación de Vigo co mar a través do deporte e todas as súas variantes”, así como converter á cidade nun “catalizador dos deportes náuticos a nivel internacional”.
Traballar a sustentabilidade a nivel ambiental, social e económico; fomentar a economía do mar e o turismo activo ou reforzar a identidade de Vigo como unha cidade azul e innovadora, son algúns dos obxectivos deste congreso que ofrecerá tamén “experiencias náuticas” para achegar a ría á cidadanía. A dirección técnica do evento corre a cargo da empresa viguesa Diesemm. O seu CEO, David Suárez, destacou que, “tendo unha ría no centro da cidade que é referente a nivel industrial, económico e deportivo, chegou o momento de demostrarlle isto ao mundo e unir a todos os actores protagonistas para facer de Vigo e das Rías Baixas un referente nacional e internacional e aproveitar, entre outras cousas, a potencialidade que ten o turismo deportivo”.
Na presentación, participaron a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; o concelleiro de Deportes do Concello de Vigo, Manel Fernández; a directora xeral da Zona Franca de Vigo, Inés González; o xefe de servizo provincial de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides; o xefe de división de Desenvolvementos de Explotación de Autoridade Portuaria, Carlos Nieto; a medallista olímpica de vela Londres 2012 e xerente do Clúster da Industria Galega do Deporte, Sofía Toro; e Gema Domínguez, responsable de Coca-Cola European Partners Galicia.

Ademais, asistiron responsables de organizacións tractoras como Conxemar, Navalia, ARVI, Rodman, Asociación Clúster Náutico Rías Baixas, Comandancia Naval de Vigo, Escola Naval Militar de Marín, Liceo Marítimo de Bouzas, Real Club Náutico Rodeira Cangas, Real Federación Galega de Vela, Propeller Club Porto de Vigo, Sailway, Lloyd’s Register, Lago & Bellido Yachts e Mundinova Gadisa, entre outras.
practicas
Últimos posts de practicas (ver todos)
- Os deportes náuticos terán o seu primeiro Congreso do Mar en Vigo - 6 Maio, 2025
- Presentacións, ‘bookcrossing’ e recomendacións literarias para celebrar o Día do Libro en Vigo - 22 Abril, 2025
- Talento mozo vigués na curtametraxe de fantasía medieval ‘8 Portas’ - 16 Abril, 2025
- Globalingua, tradución profesional para conectarse co mundo - 25 Marzo, 2025
- Actividades para celebrar o Día das Letras Galegas - 4 Maio, 2022