VIALIA
REVISTA MARZO

Os 75 anos do Club Peña Trevinca, un aniversario de cine

Cine de altura para celebrar o 75 aniversario dun dos clubs de montaña máis emblemáticos da nosa terra. O Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia celebra o seu aniversario con varias actividades nas que o cine e o deporte de aventura son os protagonistas. Este venres día 3, poderemos ver a escalada na Torre Central del Paine no Auditorio dos Padres Capuchinos; o prato forte chegará o sábado 4, co Banff festival World Tour que traerá ao Auditorio do Teatro Afundación nove filmes de alto nivel.

Banner A Movidiña

Montañeiros nunha actividade do club. | Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia

Na primavera de 1944 montañeiros vigueses e do Barco de Valdeorras fundaban o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, unha asociación deportiva que nacía a marxe da ‘vía oficial’ e que trataba de gañar un espazo de liberdade en momentos moi escuros para o pensamento.  Naquel momento o esquí era a súa actividade principal e conseguiron celebrar os primeiros Campionatos Galegos de Esquí no ano 1946 e o seu homónimo feminino en 1948. Desde a súa fundación promoveron que asociacións educativas e filocientíficas como o Instituto Padre Sarmiento, o Instituto Masculino de Santiago, a Facultade de Filosofía e Letras ou o Instituto Rosalía de Castro formaran parte do club. Os contactos co Centro Gallego de la Habana e o de Bos Aires tamén foron frecuentes e deron froito a socios destes países así como de Sao Paulo, Portugal ou Andorra. A finais de 1945 o club tiña funcionando oito delegacións en Galicia e unha en Madrid, aparte da central no Barco de Valdeorras, co doutor Gonzalo Gurriarán como alma imprescindible en aquel entón; Vigo, A Coruña e ás principais cidades galegas tiñan a súa delegación do club. Grandes personalidades no eido da cultura e do galeguismo formaron parte desa gran iniciativa que chegou ata hoxe chea de vida e vitalidade.

Agora é momento de celebrar estes 75 anos promovendo o deporte, o respecto a natureza e a cultura medioambiental entre os vigueses. Para esta fin de semana teñen preparados dous eventos arredor do cine de montaña e aventura nos que convidan a participar a toda a cidadanía.

A primeira proxección terá lugar este venres día 3 no Auditorio dos Padres Capuchinos (rúa Vázquez Varela, 15) sobre a escalada da Torre Central do Paine, na Patagonia. Un dos seus autores, Miquel Mas participará no evento e contará aos asistentes a maxia e dificultade desta espectacular ascensión. A outra gran cita desta fin de semana é o sábado 4, ás 19:00, no Auditorio do Teatro Afundación coa chegada a Vigo, da man do club vigués, do Banff Mountain Film Festival World Tour. Procedente de Canadá chega a Galicia por primeira vez nunha xira por máis de 48 países onde cada ano é agardado por todos os amantes do deporte ao aire libre e das imaxes captadas polos mellores produtores do cine documental.

(GMT+01:00) Auditorio Teatro Afundación

(GMT+01:00) Igrexa Padres Capuchinos

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.