Os 75 anos do Club Peña Trevinca, un aniversario de cine
Cine de altura para celebrar o 75 aniversario dun dos clubs de montaña máis emblemáticos da nosa terra. O Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia celebra o seu aniversario con varias actividades nas que o cine e o deporte de aventura son os protagonistas. Este venres día 3, poderemos ver a escalada na Torre Central del Paine no Auditorio dos Padres Capuchinos; o prato forte chegará o sábado 4, co Banff festival World Tour que traerá ao Auditorio do Teatro Afundación nove filmes de alto nivel.
Na primavera de 1944 montañeiros vigueses e do Barco de Valdeorras fundaban o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, unha asociación deportiva que nacía a marxe da ‘vía oficial’ e que trataba de gañar un espazo de liberdade en momentos moi escuros para o pensamento. Naquel momento o esquí era a súa actividade principal e conseguiron celebrar os primeiros Campionatos Galegos de Esquí no ano 1946 e o seu homónimo feminino en 1948. Desde a súa fundación promoveron que asociacións educativas e filocientíficas como o Instituto Padre Sarmiento, o Instituto Masculino de Santiago, a Facultade de Filosofía e Letras ou o Instituto Rosalía de Castro formaran parte do club. Os contactos co Centro Gallego de la Habana e o de Bos Aires tamén foron frecuentes e deron froito a socios destes países así como de Sao Paulo, Portugal ou Andorra. A finais de 1945 o club tiña funcionando oito delegacións en Galicia e unha en Madrid, aparte da central no Barco de Valdeorras, co doutor Gonzalo Gurriarán como alma imprescindible en aquel entón; Vigo, A Coruña e ás principais cidades galegas tiñan a súa delegación do club. Grandes personalidades no eido da cultura e do galeguismo formaron parte desa gran iniciativa que chegou ata hoxe chea de vida e vitalidade.
Agora é momento de celebrar estes 75 anos promovendo o deporte, o respecto a natureza e a cultura medioambiental entre os vigueses. Para esta fin de semana teñen preparados dous eventos arredor do cine de montaña e aventura nos que convidan a participar a toda a cidadanía.
A primeira proxección terá lugar este venres día 3 no Auditorio dos Padres Capuchinos (rúa Vázquez Varela, 15) sobre a escalada da Torre Central do Paine, na Patagonia. Un dos seus autores, Miquel Mas participará no evento e contará aos asistentes a maxia e dificultade desta espectacular ascensión. A outra gran cita desta fin de semana é o sábado 4, ás 19:00, no Auditorio do Teatro Afundación coa chegada a Vigo, da man do club vigués, do Banff Mountain Film Festival World Tour. Procedente de Canadá chega a Galicia por primeira vez nunha xira por máis de 48 países onde cada ano é agardado por todos os amantes do deporte ao aire libre e das imaxes captadas polos mellores produtores do cine documental.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024