Non é a xustiza o que dá medo: somos nós
Nós cantamos, de sempre. Nos anos oitenta, por exemplo, aquí cantouse de todo. E cando digo de todo, quero dicir absolutamente de todo. A pouco que un movese o dial, non tardaba en dar con barbaridades sobre non querer tocar tetas con cáncer de mama, declaracións a perna aberta sobre o moito que nos gustaba ser unhas zorras, e mesmo algunha que outra divertidísima exaltación do patrioterismo máis casposo, augurando o rexurdimento do imperio español mediante o triunfo da tortilla de patacas. E a pesar de que, naquel tempo, se un afinaba un pouco o nariz aínda podía percibir certo olor a defunto recente no Valle de los Caídos, naquel panorama musical tamén había espazo para a denuncia social máis rabiosa e descarnada. Nunha das súas cancións máis famosas, “Terrorismo policial”, os RIP denunciaban os abusos das forzas de seguridade; os Kortatu escribían letras nas que non agochaban en absoluto as súas simpatías para cuns cantos militantes de ETA; e os Eskorbuto advertían daquilo de “Mucha policía, poca diversión”.
E non pasaba nada.
A vida era coma unha enquisa, de maneira que un podía estar moi de acordo co que escoitaba, nada de acordo, ignoralo por completo, ou mesmo cagarse na nai que pariu aos cagamandurrias que tiñan a ben cantar todas aquelas historias sen que a cousa fose a máis. Tal era a situación, que no ano 1988, mesmo os Siniestro Total publicaron un tema titulado “Fuimos un grupo vigués”, canción que non era outra cousa senón unha evocación, non exenta de certa nostalxia, dos GRAPO (sóalles o tema?), na que os do Calvario mesmo se atrevían a apostar por un inminente renacemento do grupo terrorista. Fuimos un grupo vigués, fuimos un grupo vigués / Y volveremos a ser hoy lo que fuimos ayer… Iso era o que tiña aquilo da liberdade de expresión, que a uns lles permitía dicir certas cousas, e a outros ignoralas.
“Hoxe, apenas trinta anos despois de todas aquelas cancións,
ningunha delas sería posible”
Pasaron os anos, avanzamos con fachenda polo tempo e, malia que o Dicionario da Real Academia Galega define o verbo “progresar” como “Ir cara a diante de maneira continua, ir a máis ou a mellor”, o progreso co que nos atopamos nestes últimos anos resultou ser do tipo máis involutivo, regresivo posible. Para sorpresa e decepción de calquera país culto e civilizado, resulta que hoxe, apenas trinta anos despois de todas aquelas cancións, ningunha delas sería posible. Porque, nunha reviravolta imposible dunha moral sensibilizada ata o paroxismo, acabamos convertendo toda aquela liberdade en ilegalidade, e todas aquelas posibilidades en delito.
E sei que, chegados a este punto, o máis fácil e o máis cómodo para calquera articulista airado sería botar man dese discurso no que se lle bota a culpa ás institucións. Comezando por esa cousa tan perversa e aterradora en que se converteu a xustiza en España. E tamén a esta desigualdade social á que estamos abocados, ás diferencias cada vez máis atroces entre un fácil eles, todos eses privilexiados de traxe e garabata que día si día tamén locen a súa impunidade nas noticias, e un nós, o pobo. E, por extensión, a este goberno, arrogante, descarado, groseiro, inculto, maleducado, ruín e miserable que temos. E si, todo iso é certo, existe. Pero, tal e como eu o vexo, o problema é moito máis fondo.
O problema somos nós.
Porque, ante tanta atrocidade como se vén cometendo ultimamente, o certo é que nós non damos mostras máis que de pasividade. Tragamos con todo e, polo camiño, vamos esquecendo todo canto aprendemos atrás. E non falo de perder liberdades, dereitos… Falo de todo aquilo que vai antes.
Perdemos o humor. Porque neste país, onde sempre nos cachondeamos de todo, sabendo de sobra que non estabamos a ser politicamente correctos, agora asistimos á censura de publicacións humorísticas como “El Jueves”, atrevéndonos a marcarlles sobre que temas poden facer chistes e sobre cales non, ao tempo que defenestramos concelleiros porque unha vez publicaron un chiste sobre os xudeus. “Intolerable”, clamamos pagados de nós mesmos, un minuto antes de entrar a un campo de fútbol para berrarlle “Negro de merda!” a un xogador do equipo contrario.
E perdemos a capacidade para comprender. Porque temos moi claro qué é o que se pode colgar nas paredes de ARCO e o que non, aínda sen que moitos de nós puxésemos xamais un pé en museo ningún nas nosas vidas.
E, como confundimos as faltas de respecto con “todo-aquello-que-a-mí-me-molesta”, xa tampouco sabemos tolerar as expresións dos demais, e botámonos as mans á cabeza pedindo a lapidación dun rapaz que lle pon a súa cara ao Cristo de non sei onde, ou chamámoslle “Maricón!” a unha drag queen que se atreve a representar a súa visión particular da crucifixión, ou da virxe, ou da nai que o pariu. Porque a relixión non se toca, sobre todo a nosa. Aínda que logo non vaiamos a misa un domingo nin por despiste.
“Asistimos ao secuestro dun libro observándoo todo
como vacas que ven pasar o tren”
E, como somos un país que apenas le, xa tampouco sabemos o que é escribir, o que significa o feito de que alguén se comprometa coa verdade e queira compartila con nós, e por iso asistimos ao secuestro dun libro observándoo todo como vacas que ven pasar o tren, como se tal cousa non tiver maior importancia.
E, por suposto, xa non sabemos cantar… Extraviamos o ritmo e mais o compás, esquecemos que nada máis se trataba de cancións, dunha canción. E claro, sen compás, acabamos perdendo o rumbo. E o barco, o fodido barco aquel, deixou de chamarse “Libertad”.
E así, esta sociedade de peles tan finas á que todo lle doe, todo lle afecta e todo lle parece intolerable, vai asistir coa mesma apatía de sempre á entrada en prisión dun grupo de rapaces que non fixeron máis mal que cantar. Ben ou mal, mellor ou peor. Pero nada máis fixeron que cantar. E, no caso de Saúl, un veciño do barrio de Coia que nunca lle fixo mal a ninguén, un mozo cos 21 anos acabados de cumprir, menos aínda. Pódenos gustar iso que canta, pode non gustarnos, podes adoralo e podes desprezalo. Pero nada máis. Se alguén pensa, sinceramente, que por cantar o que Saúl canta merece ir ao cárcere, entón é que, definitivamente, perdemos o rumbo como país. Un só preso político xa é un preso político máis dos que un estado que se quere chamar “democrático” pode asumir. E en España, a día de hoxe, xa hai demasiados homes e mulleres presos por pensar de maneira diferente, moitísimos máis dos que calquera país en democracia podería ocultar baixo a alfombra sen que lle caese a cara de vergoña diante do mundo. E xa sei que haberá quen diga que non, que eses non son presos políticos, que se están no cárcere é porque incumpriron algunha lei. Xa, claro, moi ben. Pero é que iso mesmo é o que se dicía antes: todos, absolutamente todos estaban no cárcere por atentar contra algunha lei inxusta, e hoxe ninguén ten ningunha dificultade para chamar a aquel tempo polo seu nome: unha ditadura.
“Se permitimos que Saúl entre en prisión, será a propia liberdade de expresión
o que estaremos encarcerando”
Cal é a razón, pois, de que hoxe nos custe tanto volver a ver o que está pasando? Onde está a complicidade da nosa sociedade para con estas causas? Onde está a nosa empatía para con estas inxustizas? Onde a nosa reacción? Non terá algo que ver todo isto con esa teima nosa de mirar sempre para outro lado? Pois, sempre co debido respecto (faltaría máis!), creo que igual vai sendo hora de comezar a mirar á fronte, e ir chamando ás cousas polo seu nome. Á fin e ao cabo, se permitimos que Saúl entre en prisión, será a propia liberdade de expresión o que estaremos encarcerando. E iso si que é grave. Porque, se consentimos a perda da liberdade de expresión, nin o Cristo da Amargura coa cara lavada; nin todas as cancións politicamente correctas; nin todos os ex-alcaldes de Alianza Popular que un día foron narcotraficantes; nin Dios nin El-Rey nos van servir para nada cando xa non teñamos lingua coa que denunciar os abusos desta xustiza de cartón-pedra.
A nai de Saúl pide apoio para o seu fillo e ‘La Insurgencia’ nas redes sociais:
Pedro Feijoo
Últimos posts de Pedro Feijoo (ver todos)
- ‘O Día das Letras Galegas e un pequeno despiste…’ por Pedro Feijoo - 1 Maio, 2019
- Isto da Reconquista está moi ben. Agora, así, o que se di “así”, igual non foi… (2/2) - 3 Abril, 2018
- I love Reconquista, por Pedro Feijoo (1/2) - 28 Marzo, 2018
- Non é a xustiza o que dá medo: somos nós - 23 Febreiro, 2018