REVISTA ABRIL

Ramón Nicolás: “Malia que non nos decatemos, hoxe beneficiámonos de moitas iniciativas que ideou Del Riego”

Ramón Nicolás é un dos grandes críticos das nosas letras na actualidade. Quizais nese labor, por veces moi incomprendido, de analizar as creacións alleas é onde se une a Francisco Fernández Del Riego, persoeiro ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Froito dun gran estudo, documentación e investigación, Ramón Nicolás escribiu a obra Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo, publicada por Xerais e que destaca polo seu estilo ameno e divulgativo. Sobre esta obra e o gran Del Riego falamos con el e reivindicamos a importancia de coñecer a nosa lingua e as nosas letras.

Como resultou a tarefa de condensar todo o traballo e o que foi Paco del Riego nunha biografía tan divulgativa e amena como Francisco Fernández Del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo?

Pois foi, como é doado de imaxinar, todo un desafío. Unha vida, por un lado, tan longa e, por outro lado, tan fértil en actividades políticas, literarias ou culturais resultaba difícil de sintetizar nunha monografía divulgativa -exactamente o que se me solicitou desde Edicións Xerais- que estivese dominada pola brevidade, a concisión e que se destinase a un público amplo que podía serlle familiar a figura de Fernández del Riego ou mesmo que podía descoñecelo totalmente. O reto arrincou tamén desde esas instancias: ofrecer algún dato ou reflexión pouco coñecida ou nalgunha medida nova e conxugalo cunha visión máis xeneralista e informativa tanto da súa biografía como da súa obra, inxente por certo.

Aínda hoxe, e a pesar do enorme labor levado a cabo por Del Riego, continúa a ser descoñecido por moitas persoas, principalmente das máis novas. A que cres que se debe isto?

É probable que así sexa. A difusión ou coñecemento das figuras da nosa cultura vincúlase estreitamente co legado literario que deixaron e a súa inclusión no canon. Malia ser a súa tarefa intelectual, no caso de Don Paco, moi vizosa o certo é que os xéneros polos que transitou -basicamente o ensaio de carácter divulgativo, a crítica literaria, mesmo os seus aínda pouco coñecidos libros de viaxes- non se contemplaron nunca como xéneros de maiorías. Por outro lado, a súa presenza no currículo do ensino da literatura galega limitábase, no mellor dos casos, a apuntar o seu labor como ensaísta, ás súas actividades no nacionalismo de preguerra o á reconstrución do galeguismo na posguerra, a carón do papel que desempeñou no suplemento de La  Noche, na editorial Galaxia, na revista Grial e na Biblioteca Penzol, estas últimas actividades contempladas máis como tarefas que se abordan desde o estudo da socio-lingüística do século XX que desde o punto de vista estritamente creativo. De feito, a súa vida estivo sempre ao servizo de Galicia, sen querer ostentar ningún tipo de protagonismo e en moitas ocasións situouse, conscientemente, nun segundo plano. De aí que a súa personalidade, pasados certos anos desde a súa desaparición física, fose esvaecéndose nun ámbito máis bretemoso e, teño para min que hoxe, malia non decatarnos, nos beneficiamos de moitos dos proxectos e iniciativas que el ideou, abrazou ou abandeirou.

Que supón que se lle dedique o Día das Letras Galegas? Será máis coñecido realmente?

Algo relevante. No ano 1933 xa reflexionaba sobre a necesidade  dun día que enxalzase o libro galego e no ano 1963 puido ver cumprida esa arela ao presentar algún tempo antes, na Real Academia Galega, onde ingresa en 1960, unha proposta xunto con Ferro Couselo e Goméz Román que perseguía recoñecer e popularizar nunha sociedade á forza desmemoriada os valores dunha voz da literatura galega. O feito de que este ano se lle dedique o Día das Letras a un dos creadores desta iniciativa creo que é un acto de xustiza.

Un dos efectos que goza o Día das Letras é, precisamente, contribuír á divulgación da obra e dos aspectos biográficos da persoa homenaxeada. Estou convencido que este recoñecemento axudará, e axuda, a que se difunda -e penso sobre todo nas persoas máis novas- a relevancia que a súa figura supón para a cultura galega do século XX onde desenvolveu, e coido que ninguén o discute, un papel clave.

Despois de ter investigado tanto, cal é para ti a maior achega de Del Riego á sociedade galega?

Podía apuntar moitos extremos. Desde a intensísima actividade cultural e política que levou a cabo da República, pasando polo papel na reconstrución do Partido Galeguista na posguerra, o que significou o seu traballo en Galaxia cando esta botou a andar, a Biblioteca Penzol, a súa obra literaria e tantas e tantas cousas…, pero quedo, sobre todo, cun aspecto que se deriva da súa personalidade: a súa xenerosidade, a rectitude, a lealdade: pórse ao servizo do seu país cando isto era moi complicado e podía arrastrar graves consecuencias. A isto incorporo que era consciente da relevancia do papel de transmisor da memoria do nacionalismo da República e da posguerra que, dalgún xeito, a súa lonxevidade lle permitiu realizar: velaí dous libros de memorias aínda hoxe esenciais, outros volumes de carácter semellante e tantas e tantas horas compartidas con xornalistas, investigadores, etc., que o abordamos unha e outra vez case sempre coas mesmas preguntas. A súa foi sempre unha paciencia ilimitada cando se trataba de dar conta do que sabía porque o experimentara. Nese sentido creo que nunca quixo prescindir dalgunhas das dinámicas que imprime unha que foi unha das súas profesións como foi a docencia: paciencia, bo talante, comprensión…

Que podemos aprender de Del Riego na actualidade?

Eu creo que o último que sinalei: unha conduta intachable que estivo sempre ao servizo do seu país: dignidade, rectitude, lealdade, compromiso coa causa de Galicia -pero verdadeiro compromiso baseado no traballo-, o que nunca estivo reñido co hedonismo e saber ou poder gozar da vida cando esta ofrecía oportunidades de descanso e lecer.

Segundo teño entendido, ti coñeciches a Del Riego. Podes compartirnos algunha anécdota curiosa ou algo que che chamase a atención de conversas ou encontros mantidos?

Trateino desde o ano 1990 máis ou menos e os meus encontros con el foron de xeito esporádico. Visitas na Biblioteca Penzol para apelar á súa memoria sobre diversos autores, solicitar autorización para a consulta de diversos documentos ou algunha coincidencia en actos e congresos literarios. Sempre foi extraordinariamente cordial comigo e moi xeneroso. Unha anécdota que evoquei estes días foi a súa presenza en Trives, no ano 2000, ao onde foi requirido para falar do poeta e mestre republicano Manuel Luis Acuña. No lugar onde disertou sobre Acuña había un piano e, naquel ambiente tan especial no que se desenvolveran aquelas xornadas, detívose diante do piano e, de pé, interpretounos o “Negra sombra” rosaliano cunha perfección que nos deixou marabillados.

Del Riego defendeu moito a cultura e a literatura galega. Que pensaría do esmorecemento que estamos a experimentar na lingua galega?

Esmorecemento no emprego do idioma por parte de xeracións máis novas que non, ao meu ver, no aspecto cultural. Aí algo falla, é evidente, e eu non teño ningunha bóla máxica que me indique cal pode ser a solución. Con todo, se non hai unha verdadeira vontade de promocionar e agarimar a lingua galega no ámbito do ensino e non nos implicamos todas e todos iranse perdendo falantes. É unha vontade política, seria e rigorosa, a que falta para frear a perda de falantes. Falta tamén contaxiar entusiasmo pola lingua propia, isto é algo que fago de menos.

Amais deste libro, tes publicado outros ensaios sobre figuras como Celso Emilio Ferreiro. Como é o labor de documentación e que te leva a investigar sobre unha ou outra persoa?

As circunstancias que me conducen a investigar a esta ou estoutra voz do noso sistema non teñen unha mesma orixe e son, precisamente, impredicibles. Por veces pódese tratar da atracción que exerce sobre min unha obra ou unha voz literaria, outras detectar que naquel autor ou autora pode haber elementos de interese que non son coñecidos ou que non foron transitados previamente. En fin, causas distintas pero neses traballos o que si me obrigo, como é natural, é ir ás fontes documentais conservadas e a preguntar ou entrevistar cando é o caso. Noutros traballos de carácter interpretativo pois as ferramentas son outras, claro.

Dende a túa faceta como crítico literario con moita traxectoria ás costas, como ves a evolución e o futuro da literatura en lingua galega?

Vexo o presente que está marcado por unha enorme pluralidade de voces e estilos, por unha convivencia -como é natural- de distintas xeracións con diversas sensibilidades e que, particularmente, non son quen de seguir, aínda que quixera, na súa totalidade porque resulta absolutamente imposible. Eu sempre fun optimista neste aspecto de maneira que sigo a acreditar que a nosa República das Letras en lingua galega, heteroxénea e con dinámica propia, talvez sexa un dos aspectos máis normalizados da nosa cultura.

Seguindo coa crítica literaria, como levas a cabo este exercizo? Les moito por ‘obriga’ ou quédache tempo para ler por pracer obras das que non fales na prensa?

O exercicio da crítica literaria semanal implica unha disciplina, que asumín xa desde hai bastantes anos e que, no fondo, entendo como un privilexio. Si, leo máis do que recensiono, o que tamén é un privilexio.

(Que cres que se podería facer para fomentar a lectura e que os libros pasen da infancia á idade adulta?

Creo que o labor que se leva a cabo desde as Bibliotecas Escolares de Galicia é fundamental para asegurarnos lectoras e lectores no futuro. Aí, e nas aulas, desenvólvense estratexias de fomento da lectura que, de coñecérense pola sociedade que está allea a estas dinámicas, quedaría moi sorprendida. Aí está o futuro e cómpre seguir transitando por ese camiño.

REVISTA ABRIL

Tamén escribiches dúas novelas históricas, tes pensado volver á ficción novamente?

A docencia, a crítica, a investigación e outras iniciativas non me deixan tempo. Non o desboto para o futuro mais, tras algún tempo, aparece un relato meu no libro Miño (Xerais, 2023) e hai algunhas cousas, de entidade menor, pendentes de saír.

Sección patrocinada por Deleite