Olaia Maneiro (Tanxugueiras): “Moitas das cantareiras populares morreron pensando que non fixeran nada, e fixérono todo”
O sábado 3 de agosto chega o novo espectáculo das Tanxugueiras ao festival SonRías Baixas, que comezou este xoves 1 na vila de Bueu. Alí compartirán cartel con nomes como La Oreja de Van Gogh, Rayden, Rozalén ou Ginebras. Falamos con Olaia Maneiro sobre este novidoso show, a escena actual da música galega e o final de xira nun Coliseum ata arriba.
Que tal está a ir esta nova xira? Que aporta a chegada de Carlos Barcia ao voso son?
É totalmente distinta á anterior. Mantén sonoridades e cancións pero cun cambio bastante grande. A incorporación de Carlos á guitarra ofrece unha parte máis orgánica, ademais de ser unha persoa marabillosa.
Hai sete meses escasos que rematastes coa xira de Diluvio. Sentides que cos ritmos actuais da industria musical hai que estar ofrecendo un novo espectáculo cada poucos meses?
Si, a inmediatez é unha esixencia do mercado. Tamén é verdade que nós estamos de seguido traballando e pensando cousas novas; Tanxugueiras nunca para. Neste caso quixemos facer unha xira máis bonita, con máis música en directo. No disco que estamos a facer agora aos poucos parámonos totalmente para poder desfrutar do momento. Non vai moito con nós o de estar sempre camiñando cara adiante; gústanos pararnos un pouco e ver quen somos agora mesmo. Estamos desfrutando moitísimo.
En que fase estades na creación deste novo traballo?
En composición. Non é só un disco, estamos a poñer a alma completamente. Este disco é a maduración de Tanxugueiras. Aínda que pareza que comezou onte, levamos con este proxecto nove anos en activo. Empezamos como pandereteiras, sen micrófonos nin nada. Cada disco foi unha aprendizaxe para nós. Neste caso estamos compoñendo e formándonos, lendo moitísimo e buscando novas formas de compoñer.
Despois da vosa irrupción mediática hai dous anos xurdiron varios proxectos musicais en galego que tamén están a a ter boa acollida tanto en Galicia como fóra. Sentides que, dalgún xeito, abristes unha porta na música galega?
Eu creo que é cíclico. Todo o mundo abre portas. A nós tamén nos abriron as portas referentes como Mercedes Peón, Guadi Galego, Xabier Díaz, Davide Salgado, Berrogüetto, as señoras que conservaron as cantigas populares e mantiveron viva a tradición… Este legado chegounos e nós abrimos un chisco máis a porta. Con nós tamén están Baiuca e Lilaina. Gústame moito falar delas proque medramos á vez: coincidimos en concursos e actuacións de pandeireta. Estamos súper contentas de que haxa esta nova fornada e oxalá esta abra á súa vez a outras e outras para que o legado perdure no tempo. Por enriba do individual sempre está o colectivo.
Mencionabas entre as vosas influencias ás mulleres que mantiveron viva a tradición oral da música galega. Imaxino que estades felices despois de coñecer o anuncio do Día das Letras Galegas do 2025.
Estamos felices! Cando vimos a noticia, as miñas compañeiras e eu, e penso que toda Galicia, dixemos “por fin!”. A única pena que me queda é que moitas delas xa morreron e as que quedan son moi velliñas. Moitas delas morreron pensando que non fixeran absultamente nada, e fixérono todo.
Co voso caso e o doutros artistas parece superada esa barreira de que en galego non se pode triunfar no resto de España. E tamén parece que axudou a que moita xente se decatase de que o folclore en España é moito máis que flamenco.
É algo que a xente está empezando a ver. O que máis se exporta é o que máis se coñece. Grazas a ter unha oportunidade nun programa da televisión pública puidemos mostrar que neste pedaciño do norte temos unha cultura ancestral, e unha das mellor conservadas do mundo. Todas as músicas folclóricas podemos coexistir, todas bebemos da mesma fonte que é a tradición. A xente acolle con moitísimo amor a nosa música e o idioma. Entre todas estamos chegando a sitios que na vida pensabamos que poderiamos chegar.
“A xente acolle con moitísimo amor a nosa música e idioma. Entre todas estamos chegando a sitios que na vida pensabamos que poderiamos chegar”
Agora xa está máis asumido, pero quizais hai anos esa mestura entre tradicional e moderno puido chocar nalgúns sectores máis conservadores da música galega. Algunha vez sentistes certa incomprensión cara a vosa proposta?
Non percibimos esa incomprensión porque estabamos moi seguras do que estabamos a facer. É entendible, todo trae controversia. Si que houbo xente que non o aceptaba, que o vía como un sacrilexio. Co tempo foise adaptando e axente decatouse de que se non se modernizaba acabaría por ser unha peza de museo. Hai que conservar a música tradicional como era, pero tamén hai que evolucionar. As cantigas cambiaron moito cando a copla comezou a soar nas radios e o mesmo está a pasar agora con todas as influencias que temos. Máis que nada porque os oídos e as miradas actuais van evolucionando, e tamén queremos chegar á xente nova.
Aínda que xa levabades anos con Tanxugueiras, foi a raíz do Benidorm Fest que o proxecto se fixo máis coñecido. Que opinión tes deste tipo de concursos ou doutro tipo de talent shows nos que existe un factor competitivo nun mundo, o da música, no que deberían primar outro tipo de criterios ou comportamentos.
Cando estivemos no Benidorm Fest para nós ningún dos nosos compañeiros e compañeiras eran competencia. Obviamente sempre ten que haber un gañador, pero iso non significa que ti sexas menos. Nestas cousas inflúen moitas cousas, como a túa conexión co público e a parte emocional. Non me gusta a competitividade, sobre todo a que se crea entre mulleres. Ninguén é comparable con ninguén. O outro día lin un artigo sobre Amaia Montero e Leire de La Oreja de Van Gogh, e había bandos con posturas moi radicais. E eu digo: unha marchou porque quería iniciar outro proxecto ou porque o necesitaba, e a outra aproveitou unha oportunidade. Ningunha é criticable, ningunha é mellor que a outra. A competencia ten que servir para mellorar como persoa, non para pisar á do lado.
“Non me gusta a competitividade, sobre todo a que se crea entre mulleres”
Máis de medio ano despois, xa en frío, que valoración fas da fin de xira no Coliseum? Ser as primeiras artistas en galego en encher ese espazo ten que dar para pensar moito.
As veces temos esa pequena disociación de que Tanxugueiras son unhas e nós persoalmente somos outras. Non somos conscientes aínda do que ti comentas. Dese día eu só teño o recordo de cantar ‘Cambia todo’ e ver todas as lanternas dos móbiles acendidas, como vagalumes. Eu creo que seremos conscientes cando pasen máis anos, son moitas cousas xuntas. Imos pouquiño a pouco, cos pés na terra e agradecendo moito a todo o mundo. Somos conscientes ao cento por cento? A día de hoxe aínda non. Aínda non xestionamos o do Benidorm, todo o boom que se creou… son moitas cousas que xestionar (risos).
No SonRías Baixas ides coincidir con moitos artistas cos que xa colaborastes no pasado: Fillas de Cassandra, Rozalén, Rayden, Mondra, Muerdo… Caerá algunha colaboración?
Pois seguramente si, porque todos os que imos tocar alí somos como familia, querémonos moito. Pero tamén nos gusta moito ver os concertos dos demais. Se vou colaborar pérdome esa maxia de ser parte do público e de desfrutar do ambiente. Algunha colaboración caerá e nos outros casos desfrutaremos do seu espectáculo.
A que artista do festival tes máis ganas de ver en directo?
Todos, desfruto indistintamente de todos os estilos de música. Pero se teño que dicir un digo Mr. Kilombo, que me leva acompañando desde hai moitos anos. Ten unha sensibilidade moi especial e nunca o vin en directo. O problema é que coincide coa nosa proba de son, entón escoitareino desde lonxe e, se podo, intentarei escaparme un pouco antes. Tamén teño moitas ganas de ver a La Oreja de Van Gogh para desfrutar dun concerto cheo de temazos que che leven á adolescencia.
Despois de varios anos percorrendo grandes escenarios, botades de menos as salas e os espazos máis reducidos para cantar?
Todo ten a súa parte especial, pero si, falamos moito de que nos gustaría dar uns concertiños como os de antes. Tanxugueiras empezamos sendo pandereteiras nunha asociación na que non había nin que pagar para ir a clases. Faciamolo de xeito altruísta, tocabamos diante de 30 persoas. Tanxugueiras non naceu nun garaxe para triunfar, foi un grupo para as foliadas e os seráns.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024