CAMELIAS MASCOTAS

O Son do Camiño ‘Perseidas’ supera o ecuador cun gran éxito de afluencia

O pasado 14 de xullo botaba a andar unha nova edición de O Son do Camiño, que este ano viuse obrigado a cambiar de formato: un ciclo de 11 xornadas de concertos que leva por título Perseidas. As actuacións no compostelán Monte do Gozo exténdense ata o próximo 8 de agosto, cando Melendi peche esta edición marcada pola pandemia. Falamos con Cristina García, directora de marketing e comunicación en Esmerarte Industrias Creativas, a empresa encargada de levantar o festival xunto con Bring the Noise.

Imaxe dun dos primeiros concertos desta edición de O Son do Camiño | Janite

Aínda que a ollos do público esta edición Perseídas poida parecer de menor tamaño comparada cos anteriores anos, o certo é que O Son do Camiño pasou de tres a 11 xornadas, polo que as horas de traballo dos seus empregados multiplicáronse notablemente: “A montaxe, pese a ser para menos público, é case igual. É prácticamente a mesma infraestructura ca dun festival“, apunta Cristina, quen nos confirma que este ano hai sobre 300 persoas traballando no evento.

REVISTA NOVEMBRO

Un evento que se celebra no mesmo lugar desde a súa creación en 2018, o Monte do Gozo de Santiago, e que este ano opta por un cartel moi ecléctico co mellor do panorama estatal: de Raphael a Beret, pasando por Loquillo, Izal, Estopa ou Rozalén. “Ao contar co apoio do Xacobeo intentamos programar un festival accesible para todo tipo de público. Xa nas súas edicións anteriores O Son do Camiño era bastante ecléctico, pero non tiñan cabida artistas como Raphael, que atraen a un sector de xente máis maduro”, explica Cristina, quen nos confesa que, ademais dos artistas do seu propio selo (Xoel López, Vetusta Morla ou Pablo Lesuit), ten moitas ganas de ver en directo ao mítico cantante de Linares.

Na opinión de Cristina o público está a colaborar de maneira xenerosa á hora de cumprir as medidas sanitarias, que obrigan a estar coa máscara posta e sentados en cadeiras en todo momento: “Polo que nos comentan e lemos en prensa, vemos que a xente bota de menos bailar, sobre todo en concertos como o de Camilo. Percibimos moita sensación de seguridade, a xente está moi tranquila e queremos demostrar que nos festivais está todo moito máis controlado que noutros espazos abertos”, sinala. Porque se hai un sector acostumado a traballar con grandes afluencias de persoas, ese é o dos festivais.

A falta dun plan de rescate para o sector cultural, un dos máis afectados pola pandemia, iniciativas como Perseidas axudan a manter a flote a artistas, programadores e demais traballadores do eido musical: “Cando cancelamos no ano 2020 tiñamos a esperanza de poder facer unha edición normal no 2021, pero ao ver que a cousa se complicaba tivemos que reformular o formato para polo menos poder ofrecer algo, e para poder traballar algo, vaia!”. Afortunadamente para Esmerarte, a axencia creativa local conta cunha vertente audiovisual moi potente, polo que este ano con menor volume de concertos non se lles fixo tan costa arriba como cabería imaxinar.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.