O proxecto do Cine Teatro Fraga colle forma mediante un ambicioso Plan de Usos
O Plan de Usos, o documento que marca as actividades que vai acoller nas súas instalacións o Cine Fraga, recolle algunhas das propostas dos encontros mantidos nos últimos meses entre a Xunta de Galicia e a Deputación co tecido asociativo vigués así como as achegas enviadas pola cidadanía a través da caixa de correos virtual habilitada.

A volta do Cine Teatro Fraga está cada vez máis cerca. Tras a compra do edificio, propiedade de Abanca, por parte da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, ambas administracións iniciaron un proceso de escoita activa tanto da cidadanía en xeral como de profesionais de certos sectores culturais e sociais. Destas reunión sacaron ideas, consellos, propostas e melloras que agora plasman nun Plan de Usos que teñen como obxectivo converter o Fraga “nun lugar referencial en canto á creación e a difusión cultural”, en palabras da vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez.
O conselleiro de Cultura, José López Campos, quen agradeceu “as valiosas achegas” da cidadanía que son “tidas en conta” na “ampla e variada” futura programación escénica, musical, audiovisual e literaria que se vai desenvolver no Teatro Cine Fraga, avanzou as liñas estratéxicas deseñadas para converter este espazo no “epicentro da innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.
Durante a exposición pública deste plan de usos, os representantes de ambas dúas administracións salientaron “o dinamismo arquitectónico” dos 7.000 metros cadrados cos que conta edificio, dos que “se tirará o máximo proveito para optimizalo”. En concreto, apuntaron que se disporá dunha sala que se transformará para acoller tanto espectáculos teatrais, como concertos ou cinema, ao contar cun espazo flexible cunha capacidade para 860 persoas, cinguíndose só ao emprego de butacas, “pero que permite albergar ata un total de 2.006, ao ser posible a retirada de parte dos asentos para certos espectáculos”, aclararon. A outra gran sala estará destinada, en principio, a exposicións temporais e outro tipo de actividades culturais máis reducidas.
O Fraga tamén contará cun espazo museístico destinado “a preservar, destacar e compartir os vencellos deste edificio co desenvolvemento do cinema na cidade olívica e Galicia” ao render homenaxe a Isaac Fraga, un dos exhibidores cinematográficos máis improtantes de Galicia que encargou este inmoble hai máis de 80 anos. Tamén haberá espazo á participación da infancia na vida cultural, a través de actividades e obradoiros dirixidos á rapazada e mocidade co fin de estimular a creatividade e a experimentación. Igualmente crearase un club infantil para que o público máis miúdo asista e participe en eventos culturais que se programen no Teatro Cine Fraga e haberá unha cafetería que servirá como punto de encontro informal entre a cidadanía e este novo espazo cultural.
Quedan por desvelar aínda moitos aspectos importantes deste ambicioso proxecto. Un deles, básico para o bo funcionamento do Fraga, será o tipo de dirección artística que asuma o espazo: pública, privada ou unha mestura entre ambas. O criterio e a calidade da programación será o que, en definitiva, marcará a diferencia respecto a outros auditorios e teatros similares da cidade.