REVISTA ABRIL

O noso mar, marca

En decembro de 2015, con menos de 150 euros no peto, tres estudantes deciden crear unha tenda online para vender o seu principal deseño: unha camiseta coa silueta e as coordenadas das illas Cíes. En pouco tempo, esa idea converteríase en todo un éxito.

Na actualizade, María e Rubén levan o temón de Fillos do Mar, marca empapada do espírito das Rías Baixas, que ten como protagonistas os monumentos dos nosos mares. Tras a marca hai persoas de carne e óso con opinións sólidas que comparten sen ter lixos na lingua. Alén de nos achegar os seus deseños, adoitan facernos partícipes das súas posturas sobre de temas controvertidos: o coidado do medio ambiente, o feminismo ou a liberdade animal. Por se isto fose pouco, colaboran en causas como a reforestación tras o incendio das Neves de 2017, o fomento do deporte co patrocinio do Club Deportivo AMFIV (Asociación de Minusválidos Físicos de Vigo) ou a axuda activa a diversos centros de acollida e protectoras de animais. Entre as súas propostas, atopamos camisetas riquiñas ou rabudas, suadoiros para que chova ou neve, pulseiras mariñeiras feitas con cabos e áncoras, licor café e viño da casa. Este verán procuran fuxir un chisco da roupa do resto do ano, para se centrar nos complementos, como mochilas e gorras, tan prácticos para lucir nos concertos e festivais desta época.

REVISTA ABRIL

En fillosdomar.com tes todo o catálogo dispoñible. Se prefires a compra en tenda física,  achégate a Vaidhe, no número 7 da rúa de Carral, e leva o que máis che guste.

Por Estela Gómez

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de verán de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.