BANNER GALAXIA

O Nadal en catro bocados

A busca do lugar perfecto para as xuntanzas culinarias con familiares, amizades e colegas identifícase nestas datas. Aquí ofrecemos catro opcións tan firmes como as patas dunha boa mesa.

Alium, con gusto e sen glute

Rúa do Ecuador, 80 | 697 88 33 67 | @aliumvigo | aliumtaperia.com

Converteuse nun dos lugares favoritos para aqueles que buscan unha experiencia culinaria diferente e saudable onde prime a orixinalidade de presentacións e sabores. Recoñecido polo seu compromiso coa cociña sen glute e tamén é moi popular entre a clientela que busca pratos de corte vegano.

Coa chegada do Nadal, Alium prepara unha oferta especial para grupos a partir de catro persoas. Ofrécense tres menús, que se poden reservar a prezos moi competitivos: 30, 35 e 40 euros. O máis económico está deseñado totalmente para compartir, namentres que os outros dous inclúen un prato principal por comensal. Algúns dos pratos que atopamos nestes menús son os boliños de iuca e cogomelos, os tacos de tenreira grellada, a berenxena con miso e queixo vexetal e o salmón con codia de améndoa e alfábega. Ademais, pódense pedir dúas bebidas e rematar a comida cunha sobremesa caseira e un café. O restaurante tamén abre en Noitevella, ofrecendo a posibilidade de despedir o 2024 cunha cea moi especial. O menú proposto consta de cinco entrantes, dous principais (rodaballo e solombo de tenreira) e un brownie con praliné e laranxa. Como colofón para a cea, ofrécese unha copa de cava, cotillón e uvas para entrar con bo pé no 2025.

As Cunchas, un refuxio tradicional

Rúa de Tomás A. Alonso, 117 | 678 96 10 30 | @ascunchas | ascunchas.es

Unha opción ideal para aqueles que buscan un ambiente tradicional, acolledor e afastado do bulicio do centro da cidade. Dous dos puntos fortes que ten As Cunchas son a flexibilidade á hora de compoñer os menús para grupos e a posibilidade de alongar a sobremesa, mesmo coa presenza dun DJ. Este restaurante especialízase en asados ao forno e á grella, nunha proposta gastronómica baseada nos produtos frescos e elaboracións tradicionais de Galicia e Portugal.

Para esta temporada de festas e xuntanzas conta con catro menús pensados para grupos. O menú básico, co churrasco como protagonista, é unha opción clásica que nunca falla. O menú tradicional inclúe entrantes como empanada caseira e luriñas e un segundo a elixir entre lomedro ou pescada ao forno. E o menú de Nadal, máis especial, que inclúe lagostinos, vieiras e outros mariscos, achegando un toque de distinción á celebración. Os menús grupais pódense reservar para un mínimo de oito persoas, sendo necesario que toda a mesa escolla o mesmo, pero todos se poden personalizar ou adaptar ás intolerancias de cadaquén, e inclúen bebida ilimitada mentres se sirve a comida.

Ademais de servir no local, o restaurante admite encargos de fastuosos pratos nos que son especialistas para recoller e levar para a casa. Cabrito, cordeiro, empanadas, leitón, lomedro, marisco ou peixe, coas correspondentes gornicións, saben mellor cando a única preocupación é ilos recoller á hora acordada.

Cañaveral, unha festa florecente

Praza Porta do Sol, 6 | 623 02 48 45 | @canaveral_vigo

Célebre polo brunch e a súa carta de pratos autóctonos e internacionais, o amplísimo comedor, a variada oferta culinaria, o extenso horario e a posibilidade de alongar a sobremesa nun ambiente festivo a poucos metros da xigantesca árbore do Concello, fan de Cañaveral unha opción moi interesante para as ceas propias destas datas. Para facilitar as reservas, o restaurante propón tres menús pensados para grupos a partir de catro persoas. Os menús con nome propio, «Carey» (27,00 €) e «Albelca» (37,00 €), que inclúen un prato principal a elixir: salmón con mollo teriyaki e verduras ou entrecosto con queixo de Arzúa, tomates cereixeiros e patacas. A diferenza está nos entrantes, pois o segundo menú inclúe, ademais de canapés, dous clásicos con moito sabor a Nadal: lagostinos ao forno e vieira gratinada. Ambas as dúas minutas rematan cunha degustación de tortas e inclúen unha bebida. Tamén podemos optar polo menú vegano, composto por unha ensalada Caprese con queixo vexetal, salteado tailandés como prato principal e, como sobremesa, unha cremosa mousse de manga e froitos vermellos. Outro punto a favor da casa é que conta cunha proposta específica para que o público infantil poida gozar do festín con pratos adaptados aos seus gustos.

Tanto o local coma os pratos teñen unha estética moi coidada, con decoración inspirada na natureza. Respírase en todo momento un ambiente festivo que se manifesta contra a medianoite, cando o local se converte nun bar de copas ideal para degustar un cóctel de autor ao ritmo da música.

Piacere, mirando o mar

Avenida da Atlántida, 106 | 986 82 08 20 | pazolosescudos.com/nuestras-cartas | @piacerebylosescudos

Situado no emblemático Pazo Los Escudos, este restaurante ten unha carta baseada en receitas da cociña tradicional italiana con toques orixinais da cociña moderna. Os salóns luminosos e a terraza con vistas ao mar proporcionan un ambiente acolledor e elegante, moi propicio para fuxir do barullo do centro e celebrar xantares e ceas en parella ou en grupos pequenos. Aínda que non conta cun menú específico para estas datas, Piacere ofrece unha ampla variedade de opcións para satisfacer todos os gustos.

REVISTA MAIO

A pasta fresca, que se prepara nunha ducia de formatos, é unha das especialidades da casa:lasaña de cogomelos silvestres, tagliatelle á boloñesa ou tortellini de peixe sapo son algunhas destas opcións. Os amantes da pizza atopan en Piacere unha masa caseira de calidade, elaborada segundo a tradición napolitana, e unha variedade de ingredientes que van desde a clásica margherita ata combinacións máis orixinais como a denominada «Los Escudos», con pistacho, cabaciña e tomate seco. A carta tamén inclúe unha selección de entrantes e pratos principais como o tradicional carpaccio ou un suculento risoto de cogomelos con escalope de foie. O osobuco con risoto de azafrán e o salmón en papillot son algúns dos pratos máis festivos da oferta. As sobremesas, como o tiramisú ou a panacotade limoncello, poñen o broche de ouro a unha comida de cinco estrelas.