O mellor de Les Luthiers recala esta fin de semana en Vigo
A mítica agrupación Les Luthiers actuará no Auditorio mar de Vigo do 21 ao 23 de outubro co seu espectáculo ‘Gran Reserva’, unha antoloxía que recolle algúns dos grandes éxitos do grupo bonaerense. Aínda quedan algunhas entradas á venda nesta ligazón.
Pouca presentación necesita esta agrupación arxentina que leva máis de 55 anos facéndonos desfrutar cos seus espectáculos de humor intelixente. O venres 21, o sábado 22 e o domingo 23 regresan ao auditorio Mar de Vigo con Gran Reserva, unha antoloxía que recolle algúns dos éxitos deste grupo. As orixes desta histórica agrupación remóntanse á cidade de Buenos Aires en 1967, nun período de auxe dos coros universitarios. Xunto con algúns compoñentes do coro clásico universitario I Musiciti, Gerardo Masana fundou Les Luthiers, un cuarteto que logo pasou a ser un quinteto e mesmo chegou a ser un septeto. Con todo, a agrupación que máis recoñecemento acadou foi a formada por Carlos López Puccio, Jorge Maronna, Marcos Mundstock, Carlos Núñez Cortés e Daniel Rabinovich, que se mantivo sen cambios durante 29 anos, ata a morte no deste último en 2015. Coincidindo co quincuaxésimo aniversario, no ano 2017, a formación arxentina recibiu o Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades.
Unha das singularidades do grupo é que os instrumentos que empregan no escenario están construídos por eles mesmos; Masana introduciu esta idea coa construción do bass-pipe a vara, elaborado con tubos de cartón atopados no lixo e elementos caseiros. Co tempo, Carlos Iraldi incorporouse á agrupación e traballou na construción de instrumentos atípicos; así naceuron, por exemplo, a mandocleta, unha bicicleta cuxas rodas traseiras move as cordas dunha mandolina, ou o bajo barríltono, un contrabaixo cuxo corpo é un barril xigante. Tras o pasamento de Irraldi en 1995, Hugo Domínguez colleu a remuda do artesán. Nesta nova xira que recala en Vigo, participan Jorge Maronna, Carlos López Puccio, Roberto Antier, Tomás Mayer Wolf, Martín O’Connor e Horacio Tato Turano, actuando tamén Santiago Otero e Pablo Rabinovich como alternantes. Interpretan algúns dos temas máis significativos da historia desta banda con máis de medio século de crianza.