VIALIA
bannerPicnicSesions

O MARCO celebra o seu 20 aniversario con programación especial esta fin de semana

Este domingo 13 de novembro, o MARCO cumprirá 20 anos desde a súa apertura ao público en 2002. Con motivo desta celebración, o Museo ofrece unha programación especial e gratuíta que terá lugar a partir do xoves 10 , coa inauguración da exposición PROCESSI 148, ata o domingo13, con visitas guiadas ás exposicións pola mañá.

Obradoiros para público infantil e adulto, presentación dunha instalación do grupo Diseñatas (Fundación Igualarte), lecturas en salas, a reactivación da performance de Xoel Gómez, e a presentación do catálogo da exposición de Francisco Leiro, son algunhas das actividades coas que o museo de arte contemporánea municipal celebra dúas décadas de historia.

INAUGURACIÓN EXPOSICIÓN: PROCESSI 148 – Xoves, 10 de novembro

Obras de artistas da Real Academia de España en Roma, dentro do seu programa anual de bolsas de produción e residencia artística. No curso académico 2020-21, a obra dos artistas residentes, 21 en total, abrangue dende a arte figurativa ata a tecnoloxía multimedia, incluíndo tamén fotografía, danza, cinema, novela gráfica, pasando pola moda e a gastronomía, entre outras disciplinas.

PERFORMANCE: CARNE, TRANSITANDO O EU – Venres 11 de novembro, ás 20h

Performance de Xoel Gómez López, artista recentemente graduado en belas artes na Universidade de Vigo cuxa actuación forma parte da exposición colectiva Future Stories. Carne: transitando o eu é unha viaxe pola construción da identidade propia que parte dun proceso persoal de transición e reafirmación como persoa non binaria.

OBRADOIROS PARA PÚBLICO INFANTIL Sábado 12 de novembro

11.00 – 12.30 = participantes de 3 a 6 anos
12.30 – 14.00 = participantes de 7 a 12 anos
Libraría LASAL BOOKS (entrada do museo)

A obra de Laura Cid (artista participante na exposición Future Stories) inspira este obradoiro dirixido a público infantil no que tamén participa Mª Xosé Martínez (didáctica en MARCO). Coa axuda dos libros elixidos por Lasal Books, neste obradoiro pensaremos nas nosas características persoais, relacionándoas cun animal, real ou imaxinario, que situaremos nos nosos lugares favoritos: a praia, a montaña, de pícnic, voando nunha nube…

PRESENTACIÓN DO CATÁLOGO DA EXPOSICIÓN ‘O ANTROPOMÓRFICO’, DE FRANCISCO LEIRO – Sábado, 12 de novembro, ás 13h

A exposición FRANCISCO LEIRO. O antropomórfico, que se exhibe nas salas da planta baixa do MARCO ata o 8 de xaneiro, formula unha revisión da obra do artista ao longo de máis de tres décadas: un traballo centrado no antropomórfico, que é sen dúbida un dos eixes da súa produción. Deixando a un lado calquera sentido ou intención cronolóxica, artista e comisario buscan trazar a relación das obras cos peculiares espazos da planta baixa do MARCO, recorrendo tanto a obras xa realizadas coma a pezas de nova produción, específicas para esta mostra.

Na presentación do catálogo participan Abel Caballero, Francisco Leiro e Miguel Fernández-Cid.

PRESENTACIÓN INSTALACIÓN CORPOS – Sábado, 12 de novembro

O equipo de artes plásticas da Fundación Igualarte, Diseñatas, presenta a instalación CORPOS no Espazo Anexo del Museo. Corpos é unha obra realizada especificamente para este espazo, que fala da infinidade de tipos de corpos, de personalidades e actitudes que temos as persoas, e de como interactuar entre nós, onde nos situamos e onde nos sitúan.

OBRADOIRO DE ARTE PÚBLICA: ‘ A CIDADE COMO CAMPO DE XOGO’ – Sábados 12, 19 e 26 de novembro, de 11 a 13h

Este taller formúlase como unha introdución á práctica artística contemporánea que ten lugar no espazo público. Tras unha aproximación teórica ao campo de estudio, na segunda sesión sairase ao exterior coa intención de percibir a cidade con novas lentes, explorando novas posibilidades de transitar e habitar o espazo. Na última sesión traballarase en distintas situacións do centro urbano, como “campo de probas” para desenvolver micro-propostas de creación colectiva.

Para estudantes, docentes, e persoas interesadas nas relacións arte-espazo público. Previa inscrición en taquilla.marco@gmail.com . Prazas limitadas a 25 participantes.

LECTURAS EN TORNO Á EXPOSICIÓN DE FRANCISCO LEIRO – Sábado 12 ás 19:30h

As obras da exposición de Francisco Leiro serviron de inspiración para esta iniciativa na que un grupo de persoas pertencentes ao grupo de Voluntariado Cultural do Concello de Vigo, membros da Agrupación Amiga do MARCO, e participantes do Club de Lectura #BiblioMARCO, ofrecerán aos visitantes un conxunto de lecturas escollidas, nun percorrido literario-artístico polos espazos da planta baixa.

REVISTA ABRIL

Textos e poemas de Antón Reixa, Eliseo Alonso, Rosalía de Castro, Emilio Álvarez Blázquez, Isabel Ferreiro, Lueiro Rey, Rafael Alberti, Elisabeth Bishop, Vicente Huidobro, ou Marcos Ana, entre outros, conforman unha parte do repertorio elixido para esta ocasión.

VISITAS GUIADAS – Domingo 13 de novembro ás 12h

Visitas guiadas ás exposicións, na compaña do persoal de salas. Entrada libre ata completar capacidade en cada visita


The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.