O hacker Bernardo Viqueira ensina como facer un bo uso da tecnoloxía
A través de dúas microsesións semanais e a conferencia “Protexéndonos, protexéndoos”, o vindeiro 25 de febreiro dentro do ciclo Educación Século XXI de Afundación, o hacker e experto en ciberseguridade Bernardo Viqueira proporcionará as ferramentas necesarias para enfrontar os diversos dispositivos dixitais cos que nos relacionamos diariamente nas mellores condicións de seguridade.
Este curso de Bernardo Viqueira, destinado ao público xeral, enmárcanse no novo programa de Saúde dixital de Afundación, que se iniciou o pasado mércores en Afundación TV coa primeira dun total de oito microsesións formativas que proporcionarán unha visión realista do mundo dixital e axudarán ao usuario para xestionar mellor os sistemas informáticos.
Bernardo Viqueira dará os mércores e venres do mes de febreiro as claves para comprar na internet de modo seguro, a privacidade e as RRSS, como protexernos en cinco fases, os menores na internet ou como configurar un ambiente seguro en casa, entre outros. Os contidos difundiranse tamén a través das RRSS da Obra Social de ABANCA, co obxectivo de que estean ao alcance de toda a poboación, facilitando así ferramentas que contribúan a mellorar a nosa relación cos dispositivos dixitais e as novas canles de comunicación dixital.
Así mesmo, dado o elevado interese que esta cuestión suscita entre todos os integrantes da comunidade educativa, Afundación programou para o próximo 25 de febreiro ás 19 h, en directo en Afundación TV, unha conferencia de Bernardo Viqueira dentro do seu ciclo “Educación século XXI“. Deste xeito, nais, pais, docentes e alumnado e a sociedade en xeral poderán coñecer, da man do hacker e divulgador de ciberseguridade os perigos das redes sociais.
Por outra banda, co mesmo obxectivo de proporcionar ferramentas para protexerse dos perigos do uso inadecuado da tecnoloxía, o programa de «Saúde dixital» de Afundación inclúe un laboratorio de ciberseguridade, dirixido a centros de toda España, e no que xa se anotaron máis de 1200 escolares. O taller, que se desenvolve vía streaming, potenciando o uso da interacción en liña, ten como obxectivo que os participantes tomen conciencia do que realmente significa a pegada dixital, tanto desde unha mirada no presente como pensando no futuro.