REVISTA ABRIL

Innovación e tecnoloxía na 1ª edición do Congreso Utopía Noroeste

Os próximos días 19, 20 e 21 de novembro terá lugar en Vigo e Ourense a primeira edición de Utopía Noroeste: congreso de innovación, tecnoloxía e ideas disruptivas. Este evento nace para crear un espazo de intercambio e debate, centrado nas posibilidades de Galicia dentro do novo marco económico que se abre a partir das innovacións tecnolóxicas e os abruptos cambios que trouxo a crise da COVID.

Juan Pablo Rivas, Manuel Baltar e Nava Castro durante a presentación online do Congreso

O Congreso Utopía Noroeste quere abrir o abano do amplo imaxinario vinculado ao concepto da utopía, para reflexionar sobre a relación entre tecnoloxía e territorio, a transformación dixital, a nova economía, a intelixencia artificial e o humanismo, o nomadismo dixital e a reactivación do rural. O encontro ten as súas sedes, nesta primeira edición, no Museo do Mar de Galicia en Vigo e o Pazo de Vilamarín en Ourense, e realizarase en formato híbrido (presencial e online) ou ben puramente online, dependendo das restricións consecuencia da pandemia.

Trátase dun evento gratuíto e aberto á participación a través dunha webapp propia, que permitirá ver e escoitar en directo, desde calquera lugar, a algúns dos maiores expertos do noso país en realidade virtual, intelixencia artificial, blockchain, 5G, videoxogos e cidades intelixentes; e ao mesmo tempo reflexionar sobre os desafíos éticos e políticos que expoñen, e como poden combinarse nun gran restablezo da sociedade desde unhas bases sostibles.

A xornada inaugural do xoves 19 celebrarase no Museo do Mar, en Vigo, arrincando cunha intervención sobre a intelixencia artificial, da man de José María Lasalle, escritor e profesor universitario. Tamén se reflexionará sobre as estratexias de innovación nos contidos dixitais coa disertación de Adriana Moscoso, Directora Xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación do Ministerio de Cultura, e sobre cidades intelixentes, coas reflexións de Manuel Baltar, Presidente da Deputación de Ourense. Jaime García Canteiro, director de contidos do Foro Retina (El País), poñerá o peche a esta xornada de debate, cunha charla sobre as tendencias tecnolóxicas que veñen. Ademais a nova compositora viguesa Max foi convidada a interpretar algunhas das súas novas composicións.

REVISTA ABRIL

O venres 20 o congreso trasládase ao pazo de Vilamarín en Ourense onde os protagonistas serán os videoxogos. O seu perfil máis creativo estará presente cunha charla sobre a música nos videoxogos, na que o produtor musical Denis Siks contará a súa experiencia sobre a creación de música para empresas de videoxogos internacionais, desde o seu home-estudo en Cangas do Morrazo. E tamén a xornada servirá de marco para a presentación do Libro Branco Español de Desarrolladores de Videoxogos, por parte de Antonio Fernández. Cristina Pichel, Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dará a coñecer os proxectos dos mozos premiados. A xornada do venres complétase coa intervención de Edgar Martín Blas, responsable de Virtual Voyagers, onde analizará o futuro máis inmediato da realidade virtual.

A sesión final do sábado 21 arrincará cunha charla sobre moda e adaptación aos cambios, co testemuño de Amalia Formoso, responsable da firma de moda Zurita, quen desde China explicará como a súa empresa adaptouse ás novas tecnoloxías.

A vicerreitora da Universidade de Vigo Natalia Caparrini reflexionará sobre as carreiras de futuro e a brecha de xénero nas denominadas STEAM (siglas en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas). Fernando Suárez, presidente do Consello Xeral de colexios de enxeñeiros informáticos, disertará sobre Ourense como provincia intelixente e o turismo do futuro. Tamén haberá un espazo para o debate sobre a implementación do 5 G, con Luís Álvarez Sestelo, presidente da asociación galega de empresas tecnolóxicas INEO e a xestión integral a través da visualización avanzada será obxecto de análise por parte de Manuel Meijide, experto en smart cities e industria 4.0, quen desenvolverá na súa intervención o concepto do ‘xemelgo dixital’. Esta primeira edición finalizará coas reflexións sobre o emprendemento, apuntando á beira máis práctico, da man de Carlos Blanco, emprendedor e investidor no sector das novas tecnoloxías.