CAMELIAS MASCOTAS

O GPS biolóxico

Os aspirantes a taxista en Londres teñen que superar un durísimo exame chamado The Knowledge, para o que memorizan 25.000 rúas da capital de Inglaterra. Un experimento no ano 2000 demostrou que os que aprobaban tiñan unha parte do cerebro máis desenvolvida: o hipocampo, onde se asentan os recordos. Un pouco máis tarde, no 2014, tres científicos recibían o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina por descubrir o sistema de posicionamento cerebral. O estadounidense John O’Keefe e mais o matrimonio noruegués formado por May-Britt e Edvard Moser identificaron unhas células capaces de fixar a propia posición no espazo. Trátase das place cells, «células de lugar» que nos indican onde estamos.

REVISTA NOVEMBRO

«No hipocampo procésase a memoria e varios experimentos demostraron que estas células se activaban cando un rato tiña que atopar o camiño nun labirinto ou nunha piscina» explica a doutora Lola Rueda, neurocientífica do CINBIO, o Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo. Interiorizamos percorridos de forma practicamente inconsciente no día a día. Chegamos andando ou en coche ao traballo ou ao colexio case sen pensalo. Pero aí están as place cells sinalando o camiño. Atopáronse en ratos, morcegos e humanos. Intúese que poderían existir en aves para as súas grandes migracións. E talvez estea tamén nalgúns tipos de peixes, como as anguías, que percorren máis de 4.000 quilómetros desde o río Miño para desovar no mar dos Sargazos… regresando as crías xa de adultas ao río. Atopouse xa en varios animais, pero queda moito por traballar», conta a doutora. Nos últimos anos atopáronse as grid cells, «células de rede» que colaboran coas place cells para orientarnos.

Máis aló da curiosidade, a ciencia básica acaba resultando en aplicacións prácticas decisivas. A diana destas investigacións está agora na enfermidade de Alzheimer: «Os pacientes con esta doenza teñen o hipocampo afectado, perden a memoria recente, desoriéntanse… Isto podería axudar a comprender a enfermidade», comenta Rueda. Nunha orde máis pedestre, tamén explica o proceso polo que se perde a memoria nada ao outro día dunha borracheira. Todo isto conecta este GPS celular coa memoria, co CINBIO… e cos neuróticos taxistas de Londres.

Eduardo Rolland
Xornalista