O Galician Freaky Film Festival incorpora unha xornada para pequenos freaks
O Galician Freaky Film Festival presentou hoxe o cartel da nova edición, que se celebrará do 29 de setembro ao 2 de outubro e, ao igual que o ano anterior, poderase ver tamén de xeito online a través da plataforma Festhome. A peza, que rende homenaxe a Evil Dead, a mítica saga de Sam Raimi que cumpre 40 anos da súa estrea, é unha ilustración de Paulo Mosca e un deseño de María Llauger.
O Galician Freaky Film Festival quenta motores para a súa vindeira edición, que terá lugar do 29 de setembro ao 2 de outubro. Coma xa é costume, presentaron o cartel ao carón do Dinoseto, quen nunca falta á cita co festival máis freak e gamberro de Vigo. Iso si, esta vez tivo que ser no seu emplazamento provisional na Alameda. Nesta ocasión, o cartel rende homenaxe a unha das sagas máis icónicas do cine de terror: Evil Dead, dirixida por Sam Raimi, cando se cumpren 40 anos do estreo da saga. Cunha ilustración de Paulo Mosca e un deseño de María Llauger, mostra ao protagonista dos filmes, Ash, coa súa mítica motoserra na man dereita e unha escopeta na esquerda, enriba dunha morea de corpos e esqueletos, onde, por suposto, non falta o Dinoseto.
Desde a organización do evento, están moi contentos coa quinta edición, que o 30 de xuño remata a recepción de filmes a concurso. Ademais, este ano tamén se poderá desfrutar dun festival híbrido, podendo ver as películas tanto de xeito presencial como de forma online a través da plataforma FestHome, xa que tivo unha grande acollida e máis de 6000 visualizacións. Así, o director do certame Juan de Castro afirma que na pasada edición, “vendimos todos os abonos, conseguimos estrear 40 filmes inéditos en Galicia. Por iso seguiremos nesa liña, traendo unha sección oficial de preto de 60 traballos e mantendo ese nivel dos mellores certames do mundo e un catálogo feito para sorprender a todos os asistentes”.
A gran novidade desta nova edición foi a creación de Peque Freak, unha xornada onde os protagonistas serán os máis cativos, que poderán gozar de filmes e eventos pensados para eles. Este ano, ao igual que o ano anterior, lanzarán “Curta ou Susto”, un concurso para todos os creadores e creadoras audiovisuais, tanto afeccionados como profesionais, no que se deberá enviar pequenas pezas audiovisuais nas que se transmita calquera sensación que produza un forte arrepío nos espectadores. Por suposto, tamén haberá oco para outro tipo de actividades como exposicións, charlas, encontros ou a xa tradicional musicalización de filmes mudos en directo de Caspervek.