REVISTA ABRIL

O festival The Wild xa ten data e aumenta a súa duración

O festival multidisciplinar The Wild anuncia as datas da súa cuarta edición, que se expande a dúas fines de semana: os días 3, 8, 9 e 10 de xullo. O Parque Forestal de San Miguel de Oia volverá ser o recinto que albergue as numerosas actividades que nos próximos meses se irán coñecendo.

Concerto de Thee Blind Crows na pasada edición do festival | P. Vázquez

The Wild buscará repetir o éxito das pasadas edicións, nas que, a pesar da pandemia, logrou crecer en número de asistentes, infraestructura e actividades programadas. Se algo chama a atención desta cita estival é a súa capacidade para englobar un grande número de actividades moi diversas e integralas no medio natural: concertos de folk e rock, The Wild Cinema, andaina, ximcana de orientación, obradoiros, mercadiño e espectáculos infantís. A organización buscará manter e mellorar todas elas na edición 2022.

REVISTA ABRIL

A principal novidade deste ano, ademais do cambio de mes, é o aumento de xornadas de festivais. O domingo 3 de xullo celebrarase a carreira de obstáculos Wild Race. A fin de semana do 8 ao 10 de xullo terán lugar as actividades lúdicas e culturais, como os concertos, proxeccións e obradoiros e actividades infantís. O Parque Forestal de San Miguel de Oia volverá ser o escenario do The Wild. O seu mirador privilexiado á ría de Vigo é un dos atractivos do festival, que ten o goce e o respecto da natureza como emblema.

The Wild naceu en 2019 co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio natural, o coidado dos nosos montes e o respecto polo medio ambiente a través da programación de actividades deportivas e culturais no entorno natural do Parque Forestal de San Miguel de Oia. No apartado musical, polo escenario do festival pasaron bandas como The Soul Jacket, Agoraphobia, Escuchando Elefantes, Terbutalina, Arizona Baby, Familia Caamagno, Los Zigarros ou Stoned at Pompeii.

Resulta curioso que, tras unha primeira edición un tanto dubitativa, o verdadeiro éxito do festival chegara no verán de 2020, tendo en conta a de sobra coñecida situación dos eventos culturais por mor da emerxencia sanitaria. O 2021 continuou con esa tendencia ascendente, ofrecendo variedade e calidade en todos os ámbitos que asenta o evento como un dos festivais galegos a ter en conta.