REVISTA ABRIL

O Festival Sinsal presume de vintage

O Festival Sinsal, que se celebrará esta fin de semana e para o que xa non quedan abonos, é moito máis que música. É natureza, gastronomía e divulgación. Ao longo dos tres días do evento poderá visitarse a exposición A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage, unha mostra repleta de reprodutores e soportes de diferentes épocas e países que teñen no suco mecánico o principio físico común.

Xente bailando na última edición do festival | P. Vázquez

O Festival Sinsal non deixa de medrar, pero sempre pasiño a pasiño e cos pés no chan. O cartel segue a ser secreto, o aforo reducido e o espazo idílico. Entre as variadas actividades paralelas desta edición, quixemos afondar máis sobre a exposición A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage, comisariada polo codirector do festival Julio Gómez, quen nos responde ao outro lado da liña co chiar dos paxaros do arquipélago de fondo. Comecemos, pois, polo principio. Sinsalaudio naceu en Vigo en 2002 como un proxecto multidisciplinar que aunaba actuacións en directo, promotora de concertos e tenda de discos, situada nas galerías de Príncipe: “Foi un período de abandono da música física, pecharon o 90% de tendas de discos. Collimos a etapa baixa e durou ata o 2005″, lembra Julio.

Agora as cousas semellan ir por derroteiros distintos. O formato físico volve a gozar de boa (ou polo menos de certa) saúde, especialmente o vinilo. A que se debe este cambio de paradigma? “Estou a favor desta recuperación, aínda que ás veces de maneira despectiva se nos etiquete como fetichistas. Todos o somos dalgún xeito: coches, roupa, comida…”, reflexiona con criteiro un dos directores do Sinsal. Continúa: “Detrás dun soporte físico, igual que de un concerto, hai moitísima xente traballando. Na actualidade é un consumo moi responsable, xa que non temos a necesidade de mercar o disco para escoitalo, polo que a xente só compra o que establece un vínculo emocional“.

Non só o formato físico cambiou nestes últimos 20 anos. Fíxoo toda a industria musical: “Hai moita diferenza. O sector está moito máis profesionalizado a causa da demanda do tecido profesional e administrativo. O boom dos grandes concertos e festivais tamén esixen que a produción estea nas espectativas que se lle supón. Desde o punto de vista artístico non cambiou tanto. Segue a haber músicas xeracionais, que responden á oferta e á demanda, pero seguimos a ver como moitos dos cabezas de carteis son artistas con mínimo 25 anos de traxectoria“, explica.

REVISTA ABRIL

Esta tendencia á masificación dos festivais parece non perturbar a filosofía de Sinsal: “Os festivais especializados de pequeno formato e as salas de concertos son moi necesarios. A tónica xeral dos artistas é picar pedra nos pequenos circuítos, non todo o mundo ten a sorte de ser popular nada máis chegar. É imprescindible coidar a canteira e que os mozos teñan dereito a tocar en directo diante de pouca e trabucarse”, opina Julio.

Volvendo á exposición que poderemos ver na cafetería da illa de San Simón durante o festival, con visitas guiadas todos os días ás 18:30 da man do propio Julio, atoparemos obxectos de todo tipo e época: fonógrafos Edison de 1902, gramófonos dos anos 20, tocadiscos de xoguete de 1970, cromos-disco, karaokes ou enciclopedias co seu propio tocadiscos, discos de diamante, de cemento… Unha exhibición repleta de curiosidades onde poderemos ver casos nos que é o soporte o que xira e o disco o que fica inmóbil á hora de reproducir a música, xusto ao revés do que asimilamos como “normal”.

Un dos discos que mellor ilustra esta Escola Sinsal é o Lazaretto de Jack White, músico estadounidense fundador de The White Stripes e apaixoado do formato físico (a súa discográfica Third Man Records ten a súa propia fábrica de vinilos, tan escasas hoxe en día). Ademais, o título do álbum encaixa á perfección coa illa de San Simón, antigo lazareto no século XIX. Esta edición especial do álbum publicado en 2014 inclúe sucos paralelos, sucos pechados, sucos de reprodución inversa, sucos a 78 rpm… Estrañezas tecnolóxicas tan pouco comúns como interesantes que Julio nos explicará con precisión esta fin de semana no Festival Sinsal. Inscripción en info@sinsalaudio.org co asunto “Visita guiada A Escola Sinsal”.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.