O Festival Kerouac celebra o seu décimo aniversario de maneira semi-presencial
O Festival Kerouac volve o 21 de outubro, a mesma data na que comezou no 2011. Un proxecto que aúnaba poesía escénica, teatro e performance e que pretendía enunciar e axitar a escena poética viguesa. Dez anos despois, os vigueses Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente presentan unha edición híbrida con dous eventos presenciais e catro online.
O Festival Kerouac de poesía e performance vese obrigado a adaptarse aos novos tempos, polo que esta décima edición mesturará eventos presenciais e telemáticos. Sobre os primeiros, o 21 de outubro (día da morte do poeta Jack Kerouac) haberá un recital no Muro dxs poetas, espazo creado polo festival na rúa Londres, nun dos laterais do MARCO. Será unha representación do Vigopoetico composta nesta ocasión por Graciela Baquero Ruibal, Francisco Álvarez Koki, Oriana Méndez, Anna R. Figueiredo, María Villar, El lobo está aquí, Nicole Doural, Iria Bragado, Constance Hurlé, Lupita Hard e Malvares de Moscoso.
O segundo acto presencial será o xa coñecido Poemóbil, que percorrerá e encherá as rúas de poesía do mércores 21 ao sábado 24. Este ano, debido á pandemia, non haberá poetas no seu interior, pero si poemas en audio enviados por artistas de todo o mundo para a cidade de Vigo.
Nas redes, o festival expón catro eventos: o xoves 22 unha mesa redonda de editoriais de España e América, onde se falará do estado actual da poesía; o venres 23 un recital con poetas de todo o mundo vía Zoom, coa participación entre outras da neoiorquina Mercy Tullis–Bukhari, a galega Lúa Mosquetera, o mítico Roger Santivañez desde Washington ou o poeta das Azores Antonio Neves; o sábado 24 haberá unha mostra de performance, con Montengro Fisher desde Londres, a inclasificable Lola Nieto ou a viguesa Iria Medraño; o domingo 25, para clausurar o festival, un livestreaming de música picada polo dj e melómano vigués Mateo Fixemberg, que expón a súa sesión musical como un poema.
En palabras de Marcos de la Fuente, codirector do festival e conductor dos eventos en redes: “A poesía trata de vencer esta pandemia e móstrase como bálsamo e empuxe nestes momentos de ansiedade e incerteza. A palabra e a acción poética son agora máis necesarias que nunca: a poesía como o abrazo ante a distancia social, o poeta como gardián da linguaxe, o poema como vehículo para unha nova comunicación que transforme esta realidade líquida”.