CASAACUNHA

O Festival de Cine Inclusivo abre o prazo de recepción de pezas audiovisuais

A sétima edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo terá lugar do 18 ao 22 de outubro e todos aqueles que queiran ver a súa obra proxectada no certame teñen ata o 30 de xuño para enviala a concurso.

Banner A Movidiña
Unha das proxeccións do Festival de Cine Inclusivo na edición de 2021. | P. Cermeño

A Asociación Galega Audiovisual Inclusiva ( AGAIN) organiza o VII Festival Internacional de Cinema Inclusivo de Vigo, co obxectivo de dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión, a igualdade e a difusión universal da sétima arte.

O prazo de admisión de curtametraxes, longametraxes de ficción, documentais e webseries está aberto ata o 30 de xuño de 2022. A temática das curtametraxes é totalmente libre, podendo ser tanto de ficción como de non-ficción. No caso dos documentais, as longametraxes de ficción e as webseries a temática virará ao redor da inclusión co obxectivo de visibilizar todos aqueles proxectos que toquen de maneira substancial a diversidade funcional, sexual, xeracional, económica ou cultural e o que a rodea.

A duración máxima das obras presentadas será de 25 minutos no caso das curtametraxes e de 180 minutos cando se trate de documentais e longametraxes de ficción (títulos de crédito incluídos en ambos os casos). A inscrición é gratuíta e as obras que se presenten deberían ser realizadas ou estreadas preferiblemente con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021. As bases poden consultarse na web do festival, onde os interesados poden inscribirse para participar.