O Festival de Cans prepara a súa volta en setembro coas máximas garantías
Un dos nosos eventos estrela de cinema, o Festival de Cans, voltará do 2 ao 5 de setembro na vila homónima, no Porriño. Iso si, este ano virá cargado de novidades por mor da covid-19, as cales pretenden por enriba de todo protexer á veciñanza de maior idade da vila. Ademais, xa non haberá actos nalgúns galpóns e a capacidade máxima dos espazos verase reducida á metade.
A pesar de non ser bos tempos para os actos culturais, os festivais seguen a pelexar para poder realizar as súas propostas dentro desta nova normalidade. É o caso do Festival de Cans, no Porriño, onde moitas serán as novidades para a súa XVII edición. As principais: prescindir das actuacións musicais nocturnas no Torreiro e substituílas por actuacións de tarde, evitar todos os jalpóns onde vivan persoas maiores e reducir a capacidade máxima a menos da metade. Polo demais, proxeccións e coloquios seguirán coma sempre, tendo en conta estas medidas.
Como na maioría das vilas galegas, a idade media dos seus habitantes tende a ser elevada, polo que a máxima prioridade do festival será protexer aos veciños e veciñas máis maiores. Por este motivo evitaranse as proxeccións e actividades naqueles jalpóns onde habiten persoas de maior idade, que non formarán parte tampouco nesta edición do xurado das veciñas e veciños nin por precaución se programarán actuacións colectivas, como a que tradicionalmente reúne ás Pandereteiras de Cans. Este “escudo protector” sobre os maiores tamén se activará no caso dos conductores de chimpíns de idade avanzada, que este ano non participarán por precaución.
A capacidade máxima dos galpóns utilizados verase reducida a máis da metade, a aproximadamente unhas 50 persoas por proxección. Tampouco se fomentará a rotación entre espazos: o mesmo público asistiría ás proxecións a concurso sen moverse da mesma sala e cunha pausa intermedia, na que se aplicarían medidas de hixiene e ventilación, ao que accederían con máscara. As actividades anexas ás curtas realizaranse todas nun mesmo espazo ubicado na zona do Parque do Río.
En definitiva, poñeranse á venda só 200 entradas para a mañá e outras 200 para a tarde do sábado 5, que é cando terán lugar as proxeccións. A programación ó longo da semana, centrarase en coloquios e encontros profesionais, así como na proxeción de diversas sesión paralelas, aínda que, por prudencia, se prescindirá da parte educativa e das visitas dos colexios.
En definitiva, o festival busca non perder a súa esencia de sempre, mais maximizando as medidas hixiénicas e de seguridade, especialmente en galpóns e baños portátiles. Nisto levan traballando xuntos coas autoridades e expertos desde que a finais de marzo decidiran aprazar o evento para comezos de setembro.