CAMELIAS MASCOTAS

O Festival Azul encherá a ría de Vigo de actividades relacionadas co mar

Do xoves 24 ao domingo 27 de outubro a ría de Vigo vai acoller o Festival Azul que propón un variado programa de actividades deportivas, turísticas e culturais para todos os públicos. As inscricións nas distintas actividades xa están abertas nesta ligazón.

REVISTA NOVEMBRO

Chega a Vigo o Festival Azul, unha evolución da coñecida Semana Azul celebrada en anos anteriores. Desde o Clúster Náutico Rías Baixas, organizadores do evento, sinalan que quixeron concentrar as actividades en catro días co obxectivo de ofrecer un programa máis dinámico e accesible para todo tipo de públicos. O evento ofrece unha ampla variedade de actividades para todas as idades e gustos. O público poderá gozar de deportes náuticos como vela, surf, piragüismo, pádel surf e motonáutica. Ademais, ofreceranse roteiros turísticos pola Ría de Vigo, showcookings con produtos da ría, e talleres educativos e culturais relacionados coa vida mariña e a historia local. Entre os talleres, destacan actividades como o Mergullando no Nautilus e visitas guiadas a barcos históricos.

O festival busca promover a cultura e tradición marítima da rexión, así como concienciar sobre a necesidade de protexer a contorna natural da Ría de Vigo. En aras de fomentar a alfabetización océanica e a sensibilización dos máis novos coa nosa contorna mariña, o programa inclúe actividades deseñadas especificamente para centros educativos. A inscrición nas actividades dirixidas ao público xeral están abertas desde o 17 de outubro a través da web do Clúster Náutico Rías Baixas, onde tamén podemos consultar o programa e horarios de todas as actividades.

O Clúster Náutico Rías Baixas, é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no marco da estratexia Blue Growth do Porto de Vigo, como forma de promover a cultura náutica e fortalecer o sector náutico ao longo da cadea de valor. Actualmente, a asociación está formada por 16 entidades vinculadas á cadea de valor da náutica na Ría de Vigo. Entre os colaboradores desta edición do festival atópanse a Fundación Traslatio, o Real Club Náutico de Vigo, Sailway, Navieira Nabia, a Real Federación de Moto Náutica, Prado Surf, a Federación Galega de Piragüismo, Surf Vigo, Bluscus, CEMMA, Wake&Dive, Kaiak Vigo, o Club Piragüismo Olívico, a Asociación de Pesca da Ría de Vigo, Mergullo Breogán, 13 Grados, a Asociación de Redeiras de Cangas, a Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel Bouzas, e a Asociación de Pesca Deportiva Rías Baixas.