Festival EmigraSon: o éxito da música galega a 1300 quilómetros de casa
Esta fin de semana celebrouse en Bruxelas a primeira edición do festival EmigraSon, un evento organizado por galegos na diáspora que reuniu a máis de 200 persoas na urbe belga. Filloas, Berto, Fillas de Cassandra, The Rapants, Familia Caamagno, Alumea, Xirandola e os contacontos Benxa e Celso Otero foron os representantes da nosa música e da nosa cultura na capital europea.
Son as dúas da mañá e no pub Kamea soa polos altavoces a todo volume ‘Festa Malandrómica’, composta por Hevi e interpretada por Ataque Escampe. Decenas de gorxas berran con paixón os versos da canción. Aínda que o poida parecer non estamos en Santiago, Vigo ou calquera outra cidade galega; estamos no centro de Bruxelas. Unas poucas horas antes, a sala belga Embassy Room reunía a 200 persoas para vibrar en directo cunha selecta escolla de artistas galegos: Filloas, Berto, Fillas de Cassandra, The Rapants e Familia Caamagno.
Os culpables desta tolemia teñen nome e apelido: Karan Novo, Cris Amosa, María Dios, Mateo González e Gara López. Todos eles galegos emigrados en Bruxelas e cunha idade media de 26 anos. Aínda que sen experiencia nesta materia, propuxéronse crear un festival de música galega contemporánea na súa actual cidade e así naceu o EmigraSon. A primeira edición non puido saír mellor: esgotaron todas as entradas en minutos e o resto de actividades paralelas gozaron dunha grande acollida, especialmente entre a comunidade galega emigrada. Tamén houbo quen colleu un avión deste o noroeste peninsular para vivir en primeira persoa un evento tan emocionante e tan único.
O xoves 23 á noite chegaba desde Santiago ao aeroporto de Bruxelas unha expedición formada por músicos e xornalistas galegos. A ilusión era palpable, pero tamén había certa incredulidade: o EmigraSon parecía demasiado bo para ser certo. Di a canción que “Hay un gallego en la luna”, e quixo o destino que no Hotel Montgomery, o encargado de acoller aos nosos artistas, tamén houbese unha galega. Concretamente a súa directora, Sara Olmedo, unha moza de 26 anos orixinaria de Agualada (Coristanco) que desfrutou como a que máis da programación do festival. O venres pola tarde foi a quenda dos lalinenses Celso e Benxa Otero co seu espectáculo No tempo dun café. Unha coidada actuación que mestura música, maxia e contacontos que beben da tradición oral popular que divertiu e emocionou ao público reunido no Instituto Cervantes da capital europea. Pola noite o pub Kamea encheuse de folclore cunha foliada da man das agrupacións tradicionais Xirandola e Alumea, esta última fundada en Bruxelas en 2001.
O sábado 25 traía consigo o evento principal do EmigraSon; un festival de música composto por cinco proxectos galegos de diferente estilo e traxectoria. Pasadas as cinco da tarde abriu o evento o vigués Filloas, quen sorprendeu co seu pop urbano cargado de humor ao público que comenzaba a encher a sala. Berto, o músico e produtor pontevedrés continuou axitando corpos e corazóns co seu pop melancólico e bailable. As viguesas Fillas de Cassandra, a gran sensación da música local no último ano, demostraron sobre as táboas o por que do seu éxito: emoción, talento e unha conexión case máxica co público. Se alguén tiña pensado coller un pouco de aire tras a súa actuación, os muradáns The Rapants xa se encargaron de impedilo: garage, indie e toques tropicais para non deixar a ninguén no sitio. O seu directo explosivo provocou pogos, crowdsurfing e afonías permantentes nos seus seguidores. Ao festival aínda lle quedaba unha bala na recámara: os incombustibles Familia Caamagno, vestidos de augamariña para a ocasión, acabaron por enlouquecer aos poucos que quedaban cordos. O rock garageiro marca da casa puxo os últimos acordes ao EmigraSon, que continuou a festa no mentado Kamea.
A ambiciosa idea de Karan, María, Mateo, Gara e Cris funcionou coa precisión dun reloxo suízo (belga neste caso), pero todo isto non tería sido posible sen o apoio económico de dous eurodiputados galegos: a viguesa Ana Miranda, do BNG, e o lalinense Nicolás González, do PSdG. Ademais de como mecenas, tamén exerceron de guías a artistas e xornalistas no seu lugar de traballo, o Parlamento Europeo. Tampouco perderon os diferentes actos do EmigraSon ao longo das dúas xornadas, o que abre a porta a unha segunda edición. Os organizadores, a pesar das horas e horas de traballo altruísta, seguro que xa están poñendo a cabeza a funcionar para brindarnos outra bendita tolemia con acento galego.
CONSULTA A AXENDA DE EVENTOS MÁIS COMPLETA DE VIGO
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024