O EmigraSON programa a Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Terbutalina e De Ninghures no corazón de Bruxelas
A terceira edición do EmigraSON, festival creado por un grupo de emigrantes galegos residentes en Bruxelas, celebrarase o vindeiro 22 de febreiro de 2025 na sala La Madeleina da capital belga. Como en anteriores anos, todos os grupos que participan son galegos e en galego: Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Terbutalina e De Ninghures. As entradas sairán á venda este venres 22 de novembro e, como anos anteriores, a organización prevé un sold-out.
A cultura galega volverá reivindicarse na capital europea o 22 de febreiro de 2025 coa terceira edición do EmigraSON, o festival de música galega feito pola mocidade emigrante en Bruxelas. A terceira edición levará a Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Terbutalina e De Ninghures ao corazón da Unión Europea, consolidando a cita cultural como un punto de encontro para bandas, emigrantes e amantes da música de Galicia.
O éxito das edicións anteriores leva a organización (unha asociación cultural sen ánimo de lucro impulsada por un grupo de amigos emigrados en Bélxica) a triplicar o aforo da sala. Se en marzo de 2024 preto de medio millar de persoas que se achegaron a Bruxelas desde quince países diferentes, o EmigraSON espera acoller ata 1.300 persoas na céntrica sala La Madeleine na próxima edición. As entradas sairán á venda este venres 22 de novembro e, como anos anteriores, a organización prevé un sold-out.
A evolución deste evento en só tres anos foi meteórica. Ben o poden atestiguar The Rapants, banda que estivo presente nas dúas anteriores edicións, ou Fillas de Cassandra, que repiten este ano despois de ter actuado na primeira edición, en 2022. Ambos grupos medraron de igual xeito, paraleleamente ao festival belga. Naquel debut do EmigraSON a sala escollida, que por suposto encheron, só tiña capacidade para pouco máis dun centenar de persoas. Ao ano seguinte, o espazo alugado xa acollía a xase medio millar de emigrados. Na edición que terá lugar a comezos de 2025 falamos dunha sala de 1300 persoas de capacidade, polo que en dous anos conseguiron multiplicar por dez a asistencia. Nas dúas anteriores edicións os artistas escollidos foron Fillas de Cassandra, The Rapants, Filloas, Berto, Familia Caamagno, Catuxa Salom, Ataque Escampe e Grande Amore.
Unha mocidade comprometida
Organizado por un grupo de mozas e mozos emigrados en Bélxica, a iniciativa busca brindar un espazo de intercambio cultural á comunidade galega que vive no estranxeiro, mais tamén visibilizar a emigración e dar a coñecer o talento galego no ámbito internacional.
Detrás da organización atópase un grupo de amigos de orixe galega afincados en Bruxelas. “A emigración xuntounos no estranxeiro, mais a paixón que temos pola música que se está a facer en Galicia e a necesidade de ter un espazo de encontro fóra da casa fainos sacar adiante este festival”, apuntan dende a asociación, que agradece a voluntarios e patrocinadores o seu apoio.
Unha destas persoas é Karan Novo, vigués que reside na capital belga desde 2020. Na revista de marzo deste ano foi un dos entrevistados da reportaxe central, na que falabamos da cultura galega fóra de Galicia. “Creouse unha relación moi chula entre músicos, reporteiros, creadores de contido e a propia organización. Ver os migrantes emocionados durante os concertos énchenos de orgullo; estamos facendo comunidade“, contaba daquelas Karan.
Para a terceira edición, o EmigraSON conseguiu apoio da Xunta de Galicia, Deleite, Deputación de Pontevedra, Fundación Galicia Europa, Embaixada de España e dos eurodeputados Nicolás González Casares, Ana Miranda e Francisco Millán Mon.